Opinión

Fortalecer o movemento pola paz

Hai uns días, destacaban os medios a noticia de que ían embarcar en Vigo un cento vehículos blindados e medios loxísticos, así como 300 militares, con destino a Letonia, nunha misión da OTAN. Dolores de Cospedal, Ministra de Defensa, salientaba que era a primeira vez que se desprazaba ao exterior unha forza desta dimensión, para amosar o seu compromiso coa OTAN. Aínda “que non espera ningún tipo de confrontación”, engade que se trata de apoiar países aliados. Sen dúbida non é unha cuestión menor, non se trata de participar nun desfile militar. Resulta evidente que a pretensión é desafiar (ou ameazar?) a Federación Rusa nas súas fronteiras. Que postura tería o Governo español, se Putin enviase un cento de tanques e blindados a Marrocos, á contorna de Ceuta e Melilla?

Escoitando a ministra, e ollando a lixeireza coa que outros países mandan efectivos á zona, dá a impresión de que non toman moi serio estas manobras, ou que non valoran correctamente o potencial militar da Federación Rusa e os seus avances técnicos neste ámbito, como se está a demostrar en Siria. Aínda sería máis grave que a única pretensión fose amosar músculo, crendo que isto abonda pra que Moscova recúe como un cordeiriño e se poña ao servizo dos Estados Unidos e aliados. Isto xa non sucede dende que governa Putin. Ou que, todo se deba a quentar o ambiente para agrandar o complexo industrial militar e así superar a debilidade da economía e garantir os lucros corporativos (tendo en conta que o crecemento non é quen de se consolidar cos billóns de euros prestados á banca polo Banco Central Europeo a xuros cero). 

Calquera destas opcións é perigosa e pode dar lugar a un camiño de confrontación sen retorno, como advertiu varias veces Putin. E, sabendo que Rusia é unha potencia nuclear, e con moita fortaleza no ámbito da aviación e blindados, esta estratexia non semella ser a mellor, a menos que, todo se confíe a ver quen ataca primeiro, e esperar que a parte oposta non teña capacidade de reaxer. Ou sexa, ao estilo vaqueiro, que só funciona ben nas películas de Hollywood. 

Por se non abondase con enviar tropas á fronteira, dise que seica Rusia pon e saca presidentes nas potencias máis fortes do mundo, usando a rede e medios de información máis tradicionais, cando todo o mundo sabe que xurdiron e dependen das grandes corporacións occidentais, e das axencias especializadas do Governo norteamericano. Polo tanto, máis incoherencia argumental imposíbel. En realidade, a confrontación non se dá exclusivamente no plano verbal e de xogo de xadrez, senón que se representa en conflitos armados, como os de Iemen e Siria, con milleiros de mortos, feridos e millóns de desprazados. Nestes lugares (e noutros) é onde se xermola a terceira pata da traxedia actual, o terrorismo, que aproveita estas diverxencias, e mesmo forma parte da estratexia dos aliados rexionais da OTAN, como son Arabia Saudita e as monarquías do Golfo. Como agravante, non esquezamos os movementos militares que se están a realizar nas fronteiras de Corea do Norte.

O mundo é plural, en culturas e linguas, en diversidade ecolóxica e xeográfica. Esa é unha riqueza á que non se pode renunciar. A globalización neoliberal non é mais que a reprodución do vello imperialismo, agora con novas formas. A aceptación dun mundo multipolar sería un gran avance, mesmo que nun principio se reduza a aceptar a existencia de varias potencias, sempre que serva como limiar pra fixar regras de convivencia universal que revaloricen os dereitos nacionais e un sistema económico e social xusto e solidario. Pra facer esta andaina é fundamental un potente movemento a prol da solución pacifica dos conflitos, da exclusión dos bloqueos e que denuncie as inxerencias externas. Nestes aspectos tan relevantes a pasividade non axuda.

Te puede interesar