Opinión

G-20, outra 
cimeira do engano

Todos os medios de comunicación sistémicos destacaron que a reunión do G-20, realizada en Brisbane hai uns días, rematou exitosamente, e amosan como proba que se tomaron acordos (que seguirán o FMI e a OCDE) que garanten un aumento a máis do PIB en 2,1 puntos ate 2018. Pra isto faranse investimentos por valor de dous billóns de dólares, especialmente en infraestruturas co apoio do sector privado. Saliéntase asemade, no comunicado oficial, que estes investimentos permitirán xerar millóns de empregos de calidade e aumentar o consumo, que recoñecen ser hoxe moi débil. Outro dos aspectos ao que se lle deu moito espazo informativo foi que Rusia ficou illada pola súa postura no conflito ucraíno. En resumo, que podemos estar tranquilos, que a situación económica e social está en boas maus, grazas a Obama e compaña, e que Putin, o principal culpábel de todos os males, está controlado e preto da rendición. Mais nesta visión da situación hai demasiado optimismo e moita demagoxia. Vexamos.

A queda do consumo nos países de economías “avanzadas” non está solucionado, e as medidas propostas teiman nun camiño que agudiza as desigualdades sociais e territoriais, e polo tanto as contradicións e os conflitos. A precarización das condicións laborais e a diminución dos salarios, en beneficio das clases dominantes, ademais de afundir o consumo e aumentar as taxas de desemprego, crearon unha enorme masa de capital non produtivo que se adica á especulación, a gastos superfluos e mesmo a actividades delituosas. A globalización favorece e alenta esta tendencia, así como a fraude fiscal e a deslocalización empresarial. Hoxe as grandes empresas e fortunas pagan moitos menos impostos porcentuais que a clase traballadora, o que reduce os ingresos públicos e eleva o déficit fiscal. Como se non abondase, hai unha competencia entre estados por rebaixar impostos a esta poderosa minoría, pra atraguer os capitais, e mesmo outórganse importantes achegas públicas aos investimentos empresariais. Ou sexa, a globalización neoliberal é funcional ao aumento da concentración e centralización da riqueza e do poder.

Sendo evidente o carácter perverso do sistema, que asemade está provocando un esgotamento de recursos e un cambio climático irreversíbeis, e de que son necesarias e urxentes reformas de fondo que garantan a soberanía dos povos e o dereitos sociais, en Brisbane optouse máis unha vez pola fórmula fracasada de dar máis folgos ao “libre mercado”. É dicir: polas grandes potencias, pola economía de escala, e o fortalecemento das grandes empresas. E neste aspecto non hai confrontación entre os governos dos países asistentes. Os investimentos acordados moi ben poden rematar de novo no mercado especulativo e en obras faraónicas que non reverten na mellora da calidade de vida da maioría social. En Australia non se avanzou mesmo en accións tan moderadas e insuficientes como garantir que as corporacións paguen o que corresponde de impostos pola súa actividade en cada país, nen na aplicación da taxa Tobin ás transaccións financeiras, nen na eliminación dos paraísos fiscais.

Tampouco é verdade que Rusia estea illada, xa que os BRICS seguen avanzando na súa alternativa ao FMI e ao Banco Mundial, a desligarse do dólar como moeda de referencia, a diversificar o seu comercio internacional, e investindo en I+D pra rachar coa dependencia de occidente. E Moscova consolida a alianza económica e militar con China, que neste intre é a maior economía do mundo. En Brisbane, alén da escenificación pra os medios, pra sociedade mundial, a maior potencia militar, os Estados Unidos, e os seus aliados, amosábanlle aos BRICS os coitelos afiados por baixo da mesa. Unha vía na que os povos non contan (e sen futuro), como se reflicte en Iraq, Afganistán, Libia, Siria, Ucraína, etc.

Te puede interesar