Galegos na defensa de Bos Aires

Galegos na defensa de Bos Aires

Hai pouco máis de dous séculos, os galegos tiveron un protagonismo importante en Bos Aires, cando esta cidade, de 45.000 habitantes, capital do Vicerreinado do Río da Prata, rexeitou por dúas veces a invasión das tropas británicas. Vexamos o contexto. Inglaterra cobizaba as colonias da Coroa de Castela, e tiña daquela como escusa a convivencia desta coa Francia napoleónica. A primeira invasión comezou co desembarco en Quilmes o 25 de xuño de 1806. O vicerrei Sobremonte optou covardemente pola retirada ao interior, mentres chamaba ás milicias a resistir. A resistencia das tropas e voluntarios permitiu reconquistar Bos Aires no mes de agosto.

Sabedores da inminencia dun novo ataque, xa que os británicos enviaron reforzos e en febreiro de 1807 tomaron Montevideo, organizáronse en Bos Aires as milicias. No mes de xuño o comandante inglés, que recibiu máis tropas até atinxir os 12.000 homes, decide atravesar o río da Prata e atacar cidade, contando pra esta tarefa cuns 9.000 homes. Tratábase de soldados profesionais, ben adestrados, aos que se ían enfrontar sobre todo milicianos. O 28 de xuño desembarcaron preto de Ensenada e o 30 comezaron a avanzar deica Bos Aires. O día 1 de xullo saíu da cidade, ao seu encontro, unha forza duns 7.000 soldados e milicianos con 53 canóns. Mais: cal foi a participación e resposta dos galegos, que daquela constituían unha parte considerábel da povoación?

No seu libro sobre o “Tercio de Gallegos” Manuel Castro López dinos sobre a presenza dos galegos nas milicias, en verbas de Pedro Antonio Cerviño: “Reunímonos ao pe de seiscentos individuos oriúndos do Reino de Galiza, eramos de diferentes profesións e diversas fortunas; mais a nosa congregación era presidida pola respectábel Patria, e xordos ás invectivas de amor propio profesamos ante ela a igualdade (...). E engade: “No de Veteranos non é corto o (número) de galegos, e hainos en todos os Terzos de Patricios, e nos escuadróns de cabalería. Dos 400 homes do Corpo de Mariña a maioría son de Galiza; pódese afirmar sen esaxeración que 1.500 empuñaron as armas e que a súa sangue foi a de maior proporción de todos os Terzos europeos”. Teñamos en conta que Liniers, comandante en xefe das forzas defensoras, mandaba un total de 8.000 homes. Os peninsulares nas milicias atinxían os 3.000 persoas, polo tanto a metade eran galegos. Por certo, o Terzo de Galegos contaba con gaiteiros.

O alcalde Alzaga faría nun escrito un recoñecemento do Terzo de Galegos: “O extraordinario celo co que o primeiro comandante Pedro Cerviño, e o seu segundo José Fernández Castro propuxeron, instaron e clamaron pola expulsión de persoas e barcos estranxeiros”. Destaca asemade: ”o persoal entusiasmo co que o segundo comandante, por insinuación deste Cabido, (...) pasou de espía a Montevideo, ocupada polos ingleses”. E, engade: “o valor co que se comportou o capitán da sétima compañía, Bernardo Pampillo, nas guerrillas do tres e cinco de xullo, e o ataque contra a columna do xeneral Craufurd, refuxiada no convento de Santo Domingo, e por último o heroísmo do capitán de granadeiros Jacobo Adrián Varela que a baioneta soubo abrirse camiño entre as balas e retirarse de Retiro á Praza Maior”.

A batalla continuou nas rúas, nelas as milicias impuxéronse ao poderoso exército británico. O día sete de xullo rendéronse, aceptaron as proposta de Liniers, dando por boa a condición de embarcar as tropas e evacuar Montevideo no prazo de dous meses. O abundante armamento apresado serviría no futuro prás expedicións a prol da liberación das colonias. Neste novo contexto os galegos e galegas dividiríanse, uns apostando pola independencia e outros por manter os vínculos. Lembremos que o primeiro presidente, Rivadavia, era fillo de galegos. Abríase unha nova etapa.