Opinión

A globalización estanos afogando!

Segundo as estatísticas que ofrece o IGE encol da Multilocalización Empresarial na Galiza, das 1408 empresas con máis de 50 empregados/as que realizaban actividades no País, 323 tiñan a súa sede noutra comunidade autónoma. Ou sexa, un 23% do total. Aínda que o realmente significativo, ademais do seu peso na mediana e grande empresa, é que controlaban nada menos que o 34,1% da actividade económica (e polo tanto dos beneficios). Agora ben, pra termos unha idea máis achegada da incidencia do capital exterior, cómpre lembrar que hai moitas empresas con sede na nación galega que son propiedade de capital foráneo. Como exemplo diso temos dúas  emblemáticas: Abanca e Pescanova. 

Dou estes datos, aos que se podería engadir a forte capacidade exportadora de Galiza tendo en consideración o PIB, pra cuestionar as afirmacións dalgúns dirixentes e analistas a respecto de que a maior eiva do noso País sería a pouca internacionalización. En realidade, todo indica que é todo o contrario: a globalización estanos afogando! Non se trata só da penetración empresarial foránea que ten, como é lóxico (aínda que non sexa xusto, nen beneficioso), prioridades que están totalmente afastadas das nosas necesidades. Senón que ademais, a maior parte do lucro que obteñen non se reinviste. Marcha pra o exterior. Unha fuga de capitais que tamén se dá no aforro bancario, e no investimento exterior de capitais por parte das empresas con sede na Galiza. Concretamente, no ano 2016 entraron só 118,2 millóns de euros, mentres saíron 1.343,6 millóns. Neste caso, os datos refírense a investimentos pra alén das fronteiras do Estado español. Mentres que entre 2005-2015 saíron capitais por valor de 10.326 millóns de euros. Hai que lembrar que o primeiro investidor exterior no noso País é Portugal. 

A fuga de capitais e de persoas, así como a queda da natalidade, non son máis que o resultado da situación subordinada da economía galega, ocupando un elo secundario na cadea de valor. Un lastre que a Xunta, a patronal galega, e os partidos sistémicos non fan máis que agrandar, coa súa aposta pola globalización. Entendida esta, como a concentración e centralización do poder e do diñeiro.  Como a recreación do imperialismo aproveitando a revolución informacional. Outra cousa ben distinta é a mundialización, o comercio necesario e xusto entre nacións. Querer competir nestas condicións de hexemonía imperialista, é a historia da tartaruga que lle quere gañar a carreira á lebre, coas regras de xogo desta última. Grecia é un exemplo extremo dos resultados, cando se cumpre o papel de discípulo avantaxado. 

No caso do noso País, a caída da povoación, a desfeita do rural e de actividades estratéxicas, así como a degradación das condicións laborais, son os síntomas dunha tendencia regresiva que non deixa avanzar. Amosan os límites das promesas dun mundo feliz, de sacrificios temporais, de avances técnicos e sobredimensión do espectáculo. Ou sexa, un desenvolvemento no que non muda e se agudiza a tendencia dominante. De aí que segan pendentes as transformacións urxentes pra aqueles/as que non teñen emprego, son pobres traballando, nos lles chegan as pensións ou son dependentes sen axudas públicas. No ano 2015, un 33,4% dos asalariados/as galegos ingresaban menos de 10.000 euros brutos ao ano, e os fogares por baixo da liña de pobreza atinxían o 27,9% do total. E todo isto, malia a emigración que sen dúbida reduce bastante esta problemática. 

Temos agora o mesmo PIB que antes da crise. Repartido máis desigualmente, e nesta orde de prexudicados: clase traballadora, autónomos e pequenos empresarios. E cunha transferencia de ingresos  fóra da Galiza cada vez maior. Todo responde ás regras do sistema. Haberá que cambialo, antes de que reproduza a escravitude.

Te puede interesar