Opinión

As grandes ataduras da Arxentina

A Arxentina está nunha difícil situación financeira, despois de que un xulgado norteamericano ditase unha sentenza que inviabiliza os pactos que este país acadou, hai anos, coa inmensa maioría dos acredores da débeda pública. Cómpre lembrar que esta débeda foi contraída durante os governos da ditadura, polo que unha gran parte débese considerar ilexítima. A decisión do xuíz Thomas Griesa, de aceitar as reclamacións dos fundos abutres (que rexeitaron o acordo), e obrigar á Arxentina a un pago desorbitado pola débeda, levaría tamén, dados os termos do acordo cos que os acredores aceitaran o pacto, a ter que aplicar con eles os criterios desta nova sentenza. A creba pra o erario, e polo tanto pra o povo arxentino, sería inmensa e inxusta.

Polo momento, todo pendente de atoparse unha resolución xurídica, a situación financeira traba en boa medida a utilización das reservas, que se priorizan pra o pagamento da débeda. A solución dada polo governo de Cristina Fernández semella ser un préstamo urxente de China por mil millóns de dólares, que forma parte dun acordo máis amplo por 11.000 millóns. Algúns analistas pregúntanse se esta non será unha nova xeira de dependencia financeira, comercial e produtiva, neste caso co xigante asiático, destacando que sería unha repetición da que houbo primeiro co Reino Unido, e a partir da Segunda Guerra Mundial cos Estados Unidos. Experiencias todas elas moi negativas pra o povo arxentino, e que deron pulo a un forte movemento de oposición, do que foi expresión o xusticialismo (ou peronismo), corrente política da que forma parte o partido do governo.

Mais, non se chegou a esta situación porque o governo non puxese medios pra desenvolver unha economía máis autónoma, non alentase o agromar dunha burguesía nacional, xa que fixo intentos serios neste sentido. Tampouco se lle pode negar o mérito de estreitar os lazos coa ALBA, e procurar afrouxar as dependencias do imperialismo hexemónico alentando as relacións comerciais cos BRICS. Tamén amosou unha maior sensibilidade nos planos de axuda contra a pobreza, e facer xustiza aos milleiros de vítimas do xenocidio da ditadura militar. Mesmo no eido económico, realizáronse algúns intentos de diversificar a actividade produtiva, por exemplo na fabricación de computadoras en Ushuaia. Porén, non se avanzou na liberdade sindical, e as achegas aos sectores máis pobres tiveron un marcado carácter clientelista.

Mudáronse cousas, aliviouse a situación dos máis pobres e excluídos, porén non se cambiaron os alicerces dun modelo que é consubstancial coa reprodución da desigualdade e da dependencia, e que valeira de contido a democracia. Por iso, aínda que o aumento do PIB foi do 9,2% no 2010, 8,9% en 2011, 1,9% no 2012 e 3,5% no 2013, permitindo a creación de emprego, agora, estase a destruír coa mesma celeridade (400.000 dende primeiros de ano) e os salarios medios (6.000 pesos) e pensións (3.231) están moi por debaixo dos ingresos mensuais necesarios pra cubrir os gastos cotiás dunha familia (10.000 pesos).

Neste contexto dáse a folga nacional do 27 e 28 de agosto pasado. Tamén as presións empresariais a través da Bolsa, os medios de información, e os distintos lobbys, que procuran afortalar o modelo neoliberal privilexiando a produción da soia, a mega-minaría, e a industria de ensamblaxe. Isto amosa a imposibilidade de conformar unha burguesía nacional, máxime nunha etapa de auxe da globalización neoliberal. Son utopías que nacen fracasadas. Sen mudanzas profundas no sistema económico e social, sen a clase obreira como suxeito, é imposíbel un reparto xusto do traballo e dos ingresos, a soberanía popular, a democracia e a solidariedade. A Arxentina, é un exemplo máis dos límites do reformismo.

Te puede interesar