Opinión

Grecia afúndese

Hai uns días, o Parlamento grego aprobou a extensión do “fundo de privatizacións” cos votos a prol de Syriza e máis ANEL. Cumpríase así cos requisitos esixidos pola UE pra lles outorgar un novo tramo de 2.800 millóns de euros do terceiro préstamo, que seica ten como obxectivo “sacar o país da crise financeira, e recuperar a economía e o emprego”. As privatizacións atinxen ao sector da auga e electricidade, aeroportos, 500 illas e numerosas praias, etc. Asemade faranse novas reformas sociais a partir de 2019. En maio xa se tomaran medidas que afectaban pensións e impostos, pra poder acceder a un tramo de 7.500 millóns de euros.   

Lembremos que con anterioridade subiuse o IVE ate o 24%, o que afecta especialmente ás clases populares, e que as pensións foron recortadas nun 40%. Aumentáronse os impostos sobre a terra, as telecomunicacións, televisores, carburantes, tabaco, etc. Ademais despediron milleiros de funcionarios públicos. Como consecuencia das políticas regresivas, o PIB do país reduciuse nun 26% nos últimos cinco anos, un 75% dos fogares viron reducir os seus ingresos, e a metade o seu gasto en alimentación. O paro atinxe o 26,5%, e un 15% da poboación está en situación de pobreza extrema. 

Esta evolución negativa ten lóxica, xa que as “axudas” a Grecia por parte da UE, do Banco Central Europeo e do FMI, tiveron como única finalidade salvar os bancos de Alemaña, Francia, e algún outro país, que concederan préstamos con moita alegría. Só se adicou un 10% dos créditos a gastos correntes do Governo. Daquela que, a esta altura, a débeda exterior grega sexa máis desmesurada que no inicio (e impagábel). No ano 2010, representaba o 120% do PIB. Hoxe está nun 180%. E calcúlase que ascenderá ao 260% do PIB no 2060. Por estes préstamos páganse xuros superiores ao 10%. Mesmo así, á Troika esixe un maior esforzo.

Con este panorama, de pouco lle vai valer ao Governo grego o discurso vitimista, alegando que non existe outra solución (como podería ser a saída da eurozona e o impago da parte ilexítima da débeda). Mesmo que pretenda presentar como un éxito este último acordo, xa que se recuperaría a negociación dos convenios colectivos antes de agosto de 2018, e se exclúe do superávit primario o custo dun programa de creación de 100.000 empregos públicos, os recortes implican 3.600 millóns de euros, e sacrifícase unha boa parte da soberanía en beneficio das corporacións foráneas mediante a privatización de empresas estatais. Non é casual polo tanto que, malia o discurso ambivalente de Syriza, as enquisas lle auguren unha caída de 15 puntos ao partido de Tsipras. De se realizar eleccións anticipadas, pasaría do 35,5% ao 20,7%, e a conservadora Nova Democracia medraría do 28,1% ao 34,9%. 

Óllese que a dureza destas medidas de axuste, que teñen en Alemaña a principal valedora, e a outros estados como seguidores submisos, contrastan coa actitude que o Governo de Merkel mantivo en relación cos “refuxiados/as” nun primeiro momento, malia que supuxeron un custe de 20.000 millóns de euros no ano 2016. Non sería porque se trata de man de obra cualificada, que  a patronal xermana esperaba contratar a baixo prezo, e que ademais lle servía pra aumentar a man de obra de reserva? Os límites que se impuxeron pouco despois pra o aceso de “refuxiados/as”, as dificultades pra conseguir esta condición, e a súa conversión en inmigrantes económicos de feito, dan validez a esta hipótese. 

O debate actual encol do futuro da Unión Europea está condicionado polo Brexit e o triunfo de Trump. E por outros aspectos menos conxunturais. Como son: unha economía que non crece abondo co “libre mercado”; o medre da precariedade laboral e da desigualdade; e que a resposta á crise grega reflicte nidiamente un modelo sustentado na opresión e explotación. 

Te puede interesar