Opinión

Homes e mulleres

Dinos Ángeles Caso no seu libro Ellas Mismas, que: “De feito a Idade Media foi unha das épocas menos patriarcais de todas as da Europa cristiá, e a presenza feminina en traballos que agora nos parecen tipicamente masculinos, como a ferrería ou a condución de carretas e carros, está de sobra acreditada”. Fago mención a este texto porque amosa que o papel da muller na sociedade tivo avances e retrocesos, como o tiveron outros aspectos sociais, ou tamén a relevancia dos distintos povos do mundo. Ás veces confundimos o avance científico e técnico, co progreso da humanidade en termos de igualdade, soberanía e xustiza. E non sempre é así. 


Resulta evidente que nas rebelións campesiñas que tiveron relevancia no século XIX e principios do XX, participaba toda a familia. Tamén que as loitas das obreiras da Fábrica de Tabacos ou das empresas da conserva, non estiveron por detrás das que emprendían os obreiros da construción ou os mariñeiros. Mais a muller viuse marxinada do poder, fose económico ou político. Acadar a plena igualdade entre homes e mulleres é polo tanto unha débeda, e non conseguilo, un atranco pra o avance da humanidade. Cómpre rematar coa sociedade patriarcal, e coa violencia física e calquera tipo de uso da forza bruta ou de agresión verbal contra as mulleres, sobre todo no seo da familia, que é o núcleo primario de socialización. Neste aspecto, resulta preocupante que na mocidade teña tanta forza o machismo e a violencia de xénero, malia todos os esforzos que se teñen feito no ensino e as campañas sobre esta cuestión. Contribúe a este feito a falta da expectativas laborais, e que se alente o individualismo e a competencia como méritos esenciais pra ser recoñecido/a e poder conquistar un futuro digno. 


A cuestión laboral e a identidade colectiva son centrais pra unha resolución acaída da igualdade de xénero. Aínda que solucionar estes aspectos non garante a igualdade de xénero se esta non forma parte da reivindicación cotiá e estratéxica. Cunha taxa tan alta de desemprego, que menos da metade dos/as afectados conten con prestación económica, que boa parte da mocidade emigre, e que unha gran parte dos que traballan o fagan nunha situación precaria, con xornadas longuísimas e salarios cada vez máis baixos, amosa que a crise entrou nas familias e nas relacións persoais. Por outra banda, tampouco abonda, nen é lóxico, (nen posíbel), conseguir a igualdade entre homes e mulleres, se ao mesmo tempo medra a desigualdade entre clases e entre nacións, como está a acontecer. Se á cuestión laboral engadimos os custes que ten a ruptura con aspectos da identidade nacional, aínda que só sexa lingüística, nunha franxa da sociedade galega, por máis que non se trate e fale habitualmente deste tema, representa unha contradición que se confronta silandeiramente de xeito permanente na sociedade, sobre todo nas familias e a nivel persoal. Non se lle pode restar a valor. 


Nesta sociedade da información, na que as persoas pasan horas diante da televisión, tampouco non axuda na loita contra a violencia que moitos programas convertan en normal o asasinato, a patada e a labazada, o insulto e a linguaxe degradante. O que se reflicte e se predica non son as relacións persoais e as propostas sociais superadoras, senón que todo vale nunha sociedade que se debuxa ateigada de crime, psicópatas e bocazas. Sobredimensionar as actitudes máis baixas do ser humano, porque é un negocio, non contribúe precisamente á loita contra a violencia, a potenciar o respecto e a solidariedade, e ser mellores. De pouco vale despois endurecer as leis, facer cursiños no ensino, e publicar anuncios nos medios. Desfaise coa mau dereita o que se constrúe coa esquerda. Conseguir a igualdade é unha loita común das mulleres e dos homes.

Te puede interesar