Opinión

Interdependencia entre pensións e salarios

As noticias reflicten estes días que as pensións perderon un 1,35% do seu valor respecto de 2016. Foi así porque o seu crecemento de 0,25% ficou por baixo do medre do IPC. Agora ben, a este descenso hai que sumar o dos últimos seis anos: - 7%. O Governo pretende que esta tendencia regresiva se manteña ate o 2022. Tampouco dá garantías de que despois vaia ser distinta. O pretexto é que baixaron os ingresos á Seguridade Social debido á crise, e que as xubilacións medran máis rápido que a recadación do sistema, ao que engaden a queda demográfica. Este diagnóstico carece dunha visión de conxunto, e ten un obxectivo premeditado: xustificar o transvase dos recursos da clase traballadora (activa e inactiva), ás rendas do capital, que non paran de inzar. 

Se hai preocupación pola grave situación das pensións, non se entende que nos últimos anos regalasen 21 mil millóns de euros de recursos da Caixa de Pensións pra subvencionar a tarifa plana e as bonificacións na contratación en beneficio de empresarios/as e autónomos/as. Ou que se alentase a contratación temporal e a diminución dos salarios, tanto mediante a reforma laboral, como aumentando a man de obra de reserva (ampliando a xornada real a máis de 10 horas en sectores enteiros, horas polas que non se paga nen cotiza, e dando folgos á inmigración malia a alta taxa de paro). Resulta evidente que os salarios máis baixos e as horas polas que non se cotiza diminúen os ingresos da Seguridade Social, aínda que medre o emprego. Tampouco se pode obviar, que os baixos salarios, a precariedade, e as altas taxas de desemprego, son un freo, cando non un muro pra que as persoas casen, teñan fillos e fillas. Hoxe hai persoas que están na pobreza traballando. A escusa de baixar salarios pra ser máis competitivos e que medre o emprego, ademais de non ser certa, agrava aínda máis o problema demográfico. 

A solución está nun reparto xusto do traballo e da riqueza, diminuíndo a xornada, aumentando o salario mínimo interprofesional, perseguindo a fraude e o traballo en negro. Cómpre unha fiscalidade progresiva e progresista, e prestacións públicas que cubran todos os casos de dependencia, de desemprego, e a prestación gratuíta dos servizos públicos básicos (ensino, sanidade...). O Estado español é un dos de maior desigualdade da Unión Europea, como alerta a propia Comisión Europea. Asemade, os países con salarios máis altos, teñen unha taxa de desemprego máis baixa. A cuestión está na tecnoloxía, na eficiencia.

E non se pode obviar que a maioría da gran empresa de Galiza está en mans foráneas, polo que o crecemento das rendas do capital, nen sequera se reinviste no noso país, nen implica que se produzan aquí os consumos de materia prima e servizos. Son empresas de enclave, un elo máis dunha cadea construída coa lóxica do lucro e de intereses estratéxicos sobre os que non temos  incidencia. Son un factor conxuntural de emprego pra o país, sen ningunha áncora que as relacione coa nosa realidade histórica, social, cultural e lingüística.

Neste contexto, que os /as pensionistas teñan unha actitude conservadora en política, o único que garante é que seus ingresos, prestacións de servizos públicos, e outro tipo de subvencións irán a menos. É verdade que será amodo. Porén, coas políticas actuais, a degradación das pensións manterase (seica baixarán outro 15% na vindeira década). A isto hai que sumar, por mor da temporalidade, que aumentarán as persoas con ingresos mínimos e aquelas que non podan acceder ás pensións contributivas porque non teñan cotizado os anos necesarios. Os/as pensionistas deberíamos utilizar o noso peso nos procesos electorais pra garantir pensións e salarios dignos. Ambas as cuestións son interdependentes, e afectan ao presente e ao futuro da maioría do povo.  

Te puede interesar