Opinión

Lembranza e actualidade do dez de marzo

O 10 de marzo de 1972, ao atopar pechadas as portas da factoría como resposta patronal ao conflito polo convenio colectivo, os obreiros de Bazán dirixíronse en numero de catro mil á ponte das Pías. Ao chegar á altura das "casas baratas" foron interceptados pola policía que lles ordenou dispersarse. Non obedeceron. E a resposta dos “grises” foi disparar sobre persoas indefensas, que pra se defender guindaron pedras e agocháronse onde puideron. As balas segaron a vida de Daniel e Amador, e feriron a varias ducias de persoas que foron levadas ao hospital polos seus compañeiros. O réxime, a ditadura, mesmo colocou un barco de guerra apuntando os seus canóns á ponte das Pías, pra impedir que os operarios de Astano se lles unisen. 

En toda Galiza, a solidariedade cos traballadores da Bazán foi moi rápida e amosou o alto nivel de conciencia social que existía no momento, tendo en conta a situación de represión. Ademais de na bisbarra de Ferrol, houbo paros nas empresas da comarca de Vigo e manifestacións, así como mobilizacións na Coruña, Lugo, Ourense e Compostela, aínda que de menos intensidade. Nesta última  uníronse ás protestas os estudantes da Universidade. A represión da ditadura franquista foi moi dura. Segundo o xornal alemán Die Welt do día 24, foran detidas 169 persoas, 130 sancionados coa perda de emprego, e 45 detidos serían xulgados por asociación ilícita. Calcúlase ademais que 200 activistas sindicais pasaron á clandestinidade. 

Corenta e cinco anos despois destes feitos que marcaron a historia posterior do noso País, e malia ficar atrás a "longa noite de pedra" pintada axeitadamente por Celso Emilio Ferreiro, a clase obreira galega segue procurando na rúa e mediante a folga condicións laborais máis xustas. Nesta etapa do capitalismo, de globalización neoliberal, aumenta a concentración e centralización do poder e da riqueza, en prexuízo da clase traballadora, especialmente nos países dependentes e máis débiles, como é o caso de Galiza. O medre da precariedade laboral e do desemprego, a perda de poder adquisitivo dos salarios, o aumento da xornada laboral e dos ritmos de traballo, van a máis. E outro tanto sucede cos recortes nas pensións, os servizos e achegas públicas e cunha presión fiscal que se ceba nas clases populares. Todo co pretexto da competitividade empresarial e da robotización. Porén, os beneficios do capital non deixen de medrar, e os países con salarios máis altos e maiores avances tecnolóxicos (os do norte da UE) son os que teñen as taxas de paro máis baixas, máis altos impostos sobre o capital e maiores salarios. 

Estes cambios regresivos, non se sustentan só en razóns de produtividade, senón moi especialmente de maximización inmediata do lucro por parte do capital, tanto foráneo como autóctono. Os intereses do povo son secundarios. E colabora neste aspecto o feito de que unha boa parte da esquerda asuma a globalización neoliberal, aínda que o faga con matices. Ou sexa, con propostas que non cuestionan as bases que reproducen a desigualdade, senón os seus aspectos máis extremos. Daquela que no laboral, pra alén do desemprego, e das condicións laborais en abstracto, non se fagan propostas que cambien as relacións de produción.

Dende os Pactos da Moncloa, a estratexia adoptada por algúns sindicatos e partidos, que priman o pacto social, subordinándose ás regras do capital, amosouse como trabucada, suicida se temos en conta o recuar dos últimos anos. Cómpre pois que recapitulen, que non esquezan que o movemento obreiro avanzou sempre partindo da súa capacidade de mobilización e solidariedade. O debate, a organización, a manifestación, e a folga son o mellor xeito de recuperar a iniciativa, e de lembrar o 72, o Día da Clase Obreira Galega, que non pode ser só unha conmemoración ritual.

Te puede interesar