Migración, a reflexión necesaria

Migración, a reflexión necesaria

A cuestión migratoria converteuse nun debate central entre “globalistas” e “proteccionistas”, como consecuencia interesada dunha visión esquemática e reducionista do problema. De xeito tal, que as situacións estremas, e o aspecto emotivo, mesmo que sexan conxunturais, teñen máis valor que a análise razoada da cuestión e da procura de solucións que garantan mellores condicións de vida e integración social. É verdade que entre os proteccionistas atópanse sectores da ultradereita, mais tamén que entre os globalistas están, ademais da socialdemocracia e o progresismo, os partidos do gran capital e as principais corporacións empresariais, que son os portaavións do imperialismo. Tampouco se pode obviar que esta é unha das razóns polas que a clase obreira, que cada día vese obrigada a competir cunha man de obra de reserva máis grande, se absteña ou vote aos partidos “xenófobos”. Afastando deste xeito da “esquerda” os sectores sociais máis explotados e oprimidos, e esencialmente converténdoa en referencia das clases medias. 

Non se pode ignorar que hai ducias de milleiros, millóns de persoas, que por distintas razóns emigran dos seus países de orixe. Nuns casos por motivos políticos e noutros debido á falta de perspectivas de futuro, por causas económicas, de violencia, etc. Está unha cara da moeda. Doutro lado, está o interese do capital, por exemplo nos países da Unión Europea, pra aumentar os lucros e competir con outros bloques, reducir salarios e condicións laborais, utilizando a inmigración, tanto legal como ilegal, como un dos arietes pra acadar este obxectivo. A inmigración hoxe, por masiva, xera asemade máis problemáticas, como é a integración. En procesos anteriores, nalgúns estados da UE, nun contexto socioeconómico máis favorábel, e pra alén do multiculturalismo, creáronse guetos urbanos, o que alentou a confrontación étnica e cultural. E, a primeira disputa polo emprego dos novos inmigrantes deuse con aqueles que chegaron nunha onda anterior. 

A resposta axeitada a esta problemática non é abrir as portas a todos os que queiran (que poden ser centos ou millóns neste contexto), e moito menos tratar aos inmigrantes que viven no país como delincuentes. Ante todo, é fundamental axudar a que as nacións de orixe se desenvolvan, rematar co intercambio desigual, e coa inxerencia das potencias e a sobre-explotación das corporacións. Cómpre legalizar aos inmigrantes ilegais, e regular a migración en función da taxa de paro e da evolución da economía e da creación de emprego. Non facelo así é un suicidio, non prás clases acomodadas, senón pra clase traballadora. Lembremos que na Galiza hai un 70% das familias con baixos ingresos, nas que están integradas aquelas que tendo persoas traballando son pobres. 

As accións humanitarias son necesarias, mais convértense en parodia, cando se reciben como heroes a 630 inmigrantes, dos que despois a metade piden a condición de refuxiados en Francia, e non se fai o propio cos milleiros que cruzan o estreito, deixando unha ringleira de mortos. Resulta evidente que hai un efecto chamada, e as ONGs, por máis louvábel e desinteresada que sexa a súa intención, completan o circuíto dos traficantes, asegurando a chegada a Europa, mais sen ningunha garantía de integración. E isto non se pode obviar cando, por exemplo, na Galiza hai milleiros de persoas durmindo na rúa, 36.000 familias non teñen ningún ingreso, e o desemprego e subemprego son algo normal, e en aumento. Ademais, unha boa parte da mocidade emigra, a natalidade é baixisima, e a povoación está en retroceso. Que resposta de conxunto temos pra cada un destes problemas tan graves e urxentes? Ou do único que se trata é de cambiar o mundo con postas en escena mediáticas, pra que todo no esencial siga igual ou peor?