Opinión

Moción de censura, razóns e perspectivas

É moi cedo pra saber ate onde chegarán os cambios a causa do triunfo da moción de censura contra o Governo de Rajoy. Porén, non se pode desbotar a priori que sexan maiores do que quixeran as clases dominantes e, en principio, inferiores ao que sería necesario pra reverter a desigualdade e avanzar cara un estado plurinacional. 

Chama a atención que un abano tan amplo de partidos, que representan posturas ideolóxicas e traxectorias tan distintas, decidisen apoiar a Pedro Sánchez como presidente. Esta converxencia non se debe tanto a que vexan no PSOE unha solución, senón pola súa oposición ás políticas do PP, e porque o estado de animo da sociedade non admitía que todo continuase igual. A corrupción, o medre da precariedade e da desigualdade, a tensión coas nacións periféricas, a represión contra a protesta laboral, social e na cultura, a falta de sensibilidade diante da violencia e igualdade de xénero, etc, son feridas sociais que van a máis, e que non se compensan co aumento do PIB. 

Sen dúbida este sentir da rúa foi o que decidiu ao PNV, e aos outros partidos, a apoiar a moción de censura. Tamén incidiu o seu nesta decisión, que Sánchez se comprometese a respectar os acordos do PNV con Rajoy nos orzamentos, e que ofrecese dialogo na problemática catalá. Tampouco se pode obviar que, ademais, todos estes partidos tiñan interese en frear o ascenso de Ciudadanos. Un partido moi de dereita (malia a imaxe de modernos), empurrado por certos medios, a costa do retroceso do PP e do PSOE. Daquela que Rivera teimase en que se realizasen axiña novas eleccións, xa que teme que Pedro Sánchez recupere votos, se bota abaixo varias medidas regresivas tomadas polo PP. Entre estas poderían estar: a reforma laboral e das pensións, a Lei Mordaza, a LOMCE... 

De se eliminar estas medidas que, por exemplo, limitan a negociación colectiva e reprimen a protesta laboral, así como mediante iniciativas que reforcen os servizos e prestacións públicas, a loita contra a violencia de xénero, o PSOE coida que pode mudar o escenario electoral nas próximas eleccións xerais. Non hai dúbida de que se trata de cambios que non transforman a matriz do sistema, xa que o capitalismo, especialmente nesta etapa de globalización neoliberal, é consubstancial coa concentración e centralización do poder e da riqueza. Mais implicaría, cando menos, que unha pequena parte do crecemento económico revertese nas clases populares, reducindo  a precariedade e a taxa de pobreza. 

Evidentemente, hai forzas que votaron a prol da moción que non o fixeron por estas razóns, e outras que se dan por satisfeitas con cambios mínimos. Mais, tratase dunha inflexión, que ten transcendencia nesta conxuntura e con esta correlación de forzas, xa que resulta máis doado empurrar pra que as transformacións vaian máis ala, e garantan un reparto máis xusto entre clases sociais e entre as nacións do Estado. Algo fundamental pra o povo galego, tendo en consideración o retroceso demográfico, da lingua propia, e do peso da nosa economía no Estado. 

O triunfo da moción de censura tamén condiciona a folga xeral do 19 de xuño por parte da CIG, que seguramente suspenderá ou adiará dando tempo ao novo governo pra que teña en conta as súas reclamacións. O sucedido amosa que mediu correctamente tanto a situación como o estado de animo do povo, reflectindo receptividade, iniciativa e coherencia. Quedaron en entredito aqueles sindicatos que non se sumaron. 

As guerras e sancións, e o conflito comercial dos Estados Unidos co resto do mundo, mesmo cos seus aliados, reflicte un capitalismo senil, perigoso. Esta realidade tamén atinxe o Estado español. A solución é política. Centrada na nación e na clase traballadora, na mobilización, en avanzar chanzos. Este debería ser o resultado desta moción.

Te puede interesar