Opinión

Monte, lume e proxecto de país

Todo indica que despois de meses de intensas chuvias, iníciase no noso país o período de altas temperaturas. E con estas, volve a preocupación por que se repitan a seca e os lumes dos últimos anos. Lembremos que en outubro de 2017, só en dous días, o 14 e o 15, queimáronse 35.500 hectáreas de monte, poñendo mesmo en perigo grandes cidades, como Vigo. Resulta evidente que cómpre reestruturar e racionalizar o monte galego. Así o esixen organizacións agrarias e ecoloxistas, e recoñéceo a propia Xunta de Galiza. A organización ecoloxista ADEGA denuncia que o eucalipto abrangue hoxe máis de medio millón de hectáreas, dobrando as previsións do Plan Forestal Galego. Ademais, os dados amosan que a incidencia do lume nos terreos con eucaliptos é 3,55 veces superior á daqueles que teñen especies autóctonas.  O futuro do monte galego, e que os incendios sexan algo excepcional, non é unha cuestión menor. Da eficacia das medidas que se tomen depende cal será o valor económico da masa forestal, como contribución á actividade agraria, e axudar a evitar o despovoamento do rural. Isto leva aparellado atacar as causas que facilitan o lume, e os seus efectos sobre as terras de labranza e pastoreo, así como como sobre as aldeas e áreas urbanas, e o seu impacto sobre a fauna e a paisaxe.

Outro aspecto a destacar son as perdas na produción, así como os inmensos custos na extinción e recuperación das plantacións. Sen dúbida hai moitos intereses empresariais e sociais ligados ao tema, e nalgúns casos, relacionados co que se chama popularmente “negocio do lume”. A solución á vaga de incendios non vai ser inmediata, aínda que tamén depende en boa medida das condicións climáticas. Porén, non se pode ignorar que hai medidas que restarían incentivos ás causas do lume. Por exemplo, que se dedicasen máis recursos á limpeza do monte, que se puxesen os medios necesarios pra facer efectivo o Plan Forestal. Este prevé 50.000 hectáreas máis de piñeiro, 25.000 de carballo, e outras tantas de castiñeiro e outras frondosas. Os especialistas salientan que o Plan de 1992 xa apostaba por 218.000 hectáreas de castiñeiro e só hai 46.000. Ou sexa, que hai máis boas palabras que feitos concretos. E así non se solucionan os problemas, mesmo se agrandan.  Entendidos no tema, como Alberte Blanco, destacan que se tivésemos 100.000 hectáreas producindo castañas, poderíanse obter en primeira venda uns 100 millóns de euros, e dar traballo directo a unhas 2.000 persoas. Pénsese que este sería un balón de osixeno prás zonas de montaña, que son as que están máis atinxidas polo despovoamento. Os técnicos tampouco se opoñen á plantación de piñeiro, sempre que sexan especies naturalizadas. Mais salientan que cómpre ligar este proceso de expansión á transformación da produción, evitando así termos un papel subalterno na cadea de valor, como fornecedores de materia prima barata. Os incendios non son unha casualidade, senón un síntoma máis do desleixo existente en relación co mundo rural, pra alén do discurso e da escenificación mediática do Governo. Falta un proxecto de país. Un plano, con orientacións, intervención directa e recursos públicos abondo, no que se aposte pola produción e transformación en base ás potencialidades da nación. A nosa economía susténtase cada vez máis en industrias de enclave e empresas foráneas. Estas poden hoxe subir o PIB e xerar emprego (non esquezamos o que destrúen), mais teñen os seus centros de decisión no exterior, polo que están máis ligados ao consumo que á produción. Sen contrapeso a estes poderes corporativos, sen un plano real de reorganización do territorio, de reestruturación do monte, de modelo educativo, de investigación, etc. que sirvan ás necesidades de Galiza, o noso futuro está hipotecado.

Te puede interesar