Opinión

Na África subsahariana repítese a historia

Poucos saben que Portugal foi un dos primeiros países que eliminou a escravitude, tanto no interior da nación como na India, o 12 de febreiro de 1761 (no Estado español sería en 1837). Mais a decisión sobre este tema que tivo unha maior significación foi o anuncio feito polo Rei de Portugal, o 1 de agosto de 1865, dun proxecto de lei que eliminaba a escravitude nas colonias, xa que era nestas onde tiña espacial relevancia. O proceso encetará coa abolición do tráfico de escravos en 1836 no imperio portugués, a liberación dos escravos do Estado en 1854, e máis tarde os das igrexas, por decreto de 1856. Houbo unha lei posterior que proclamou a abolición en todo o imperio, porén esta non sería definitiva ate o ano 1878. 

Lembremos que Inglaterra prohibiu o trafico de escravos en 1815, e Estados Unidos declarou a súa emancipación en 1863, en plena guerra civil entre a Unión e a Confederación. A emancipación definitiva no Brasil foi no ano 1888, aínda que dende 1871 xa existía unha lei de “ventre libre” que evitaba a incorporación de novos escravos. Nas colonias do Estado español, a abolición sería en Porto Rico en 1873 e en Cuba no ano 1880. 

Calcúlase que os operadores portugueses da trata transportaron 4.650.000 persoas. Fican por detrás, a Gran Bretaña con 2.600.000, España 1.600.000, Francia 1.250.000, Holanda 500.000, América do norte británica e Estados Unidos 300.000, etc. Se analizamos os datos tendo en consideración as áreas de recepción, temos: Brasil con 4 millóns; Hispanoamérica 2.600.000; Indias occidentais británicas 2.000.000; Indias occidentais francesas 1.600.000; etc

A escravitude na Idade Moderna foi unha lacra que atinxiu non só á África Negra. Tampouco foi realizada exclusivamente polas potencias da Europa occidental do momento. Mais non hai dúbida que esta tivo sobre este continente un carácter desbastador, que deixou pegadas aínda presentes. Considérase que se venderon como escravos entre 1450 e 1900 nada menos que 11.313.000 persoas. Unha cifra inmensa se a comparamos cos 1.250.000 europeos que entre os séculos XVI e XVIII foron capturados por piratas e forzados e traballar nos sultanatos do norte de África. 

Segundo recolle a Historia Geral de África editada pola UNESCO, “os imensos recursos das Américas tornaram-se acessíveis a Europa Ocidental, ou seja, a partir de 1492, com o quase extermínio da população indígena (...), nesse momento o papel da África no sistema econômico atlântico modificou-se. A população requerida para garantir as condições internas de uma transformação completa em suas estruturas econômicas e sociais foi transferida, de forma maciça, para as Américas, e empregada, em larga escala, para desenvolver as produções mercantes. As condições criadas por essa fortíssima transferéncia populacional impediram, durante tres séculos, o impulso na produção de bens africanos, tanto ao nível do comércio interno quanto no tocante as exportações, dando assim origem as estruturas de dependéncia.”

Existe polo tanto unha relación íntima entre a colonización de América, a escravitude de millóns de africanos, e a acumulación de riqueza por parte da nacente burguesía das potencias occidentais (así se fortaleceu o capitalismo globalizado). Isto recreou a dependencia e o atraso, tanto nas colonias americanas como sobre todo nas áreas de África fornecedora de man de obra escrava. Fago referencia a este tema porque, malia o tempo transcorrido e os métodos, a emigración masiva de persoas subsaharianas reflicte máis unha vez a destrución das formas de vida destes povos. Agora forzados a fuxir e aceptar condicións laborais indignas por mor da apropiación de terras polas empresas transnacionais, o cambio climático, o troco desigual, etc. Pasou o tempo mais non mudou o papel económico.

Te puede interesar