Opinión

Non facer do lume unha lotaría

Entendo que a esta altura, ninguén pode saber con precisión, ate o final do vrau, cantas serán as hectáreas queimadas, e destas, cantas de monte arborado ou de mato. Se ollamos cara os nosos irmaus de Portugal, case que nos podemos sentir privilexiados. Mais, aínda queda aínda moito tempo de calor, a seca é moi grande, e os pronósticos meteorolóxicos son que a vaga de calor se alargue máis ca outros anos. Son moitas as variábeis que non dependen da vontade das persoas e que non se poden resolver no momento. O cambio do clima é evidente, aínda que haxa quen o negue, como Trump.

Sen dúbida, que existan recursos abondo contra o lume (tanto humanos como técnicos), ten unha gran importancia pra evitar que se estenda o fogo, e pra conseguir que afecte á menor área posíbel. Agora ben, non deberíamos pechar os ollos perante a necesidade, esencialmente, de medidas preventivas máis eficaces, que reduzan ao mínimo as posibilidades de que o lume prenda e o incendio se propague con rapidez. Este é un debate social que cómpre abrir. Deixalo pra o seguinte ano, se neste o lume non causa demasiada desfeita, é unha irresponsabilidade. Especialmente porque levará tempo poñer en práctica as medidas estruturais que habería que tomar. Non deberiamos facer do lume unha lotaría.

Ante todo, é necesario facer unha valoración de partida. Porque ás veces, semella que hai  moitas persoas nas cidades que viven de costas ao mundo rural. E nas urbes reside hoxe a maior parte da povoación e da actividade económica. Mesmo así, as cidades e vilas non poden esquecer que forman parte do mesmo espazo xeográfico que as aldeas, e que a contorna é insubstituíbel pra o fornecemento da auga e pra manter a calidade do ar que se respira. Son elementos vitais que non se poden importar do exterior, mesmo nun mundo tan globalizado. 

O monte ocupa a maior parte do país e está moi subdividido, xa que un 68% da superficie pertence a particulares. A outra cara da moeda é que un 30% son montes comunais. A xestión lóxica desta superficie é que as especies sexan as máis idóneas, e que a povoación rural vexa no monte, ademais da contorna na que desenvolve a súa actividade cotiá, unha fonte de ingresos. No libro “O monte galego. Caos ou aproveitamento muntifuncional?” coordinado por Alberte Blanco Casal, propóñense como principios básicos: a ordenación do territorio e das masas boscosas; biodiversidade e potenciación do bosque autóctono; desenvolvemento integral e mutifuncional; e participación activa dos axentes económicos e sociais. Entenden os autores, que son necesarias medidas e acordos diferentes segundo o tipo de propiedade. Por exemplo, coidan que cómpre modificar a lei de montes comunais adaptándoa á realidade socioeconómica actual, así como unha actuación especial sobre as 600.000 hectáreas carentes de arborado.

Hai outros estudos que teñen unha perspectiva moi semellante. Mais, a cuestión de fondo é esta: consideran a Xunta de Galiza, os partidos políticos e o povo galego, que paga a pena realizar un  investimento importante (e necesario) pra protexer e desenvolver o monte? Se a resposta é afirmativa, terá que ser un proxecto a executar por etapas e con obxectivos concretos, onde o máis importante é que, pra alén dun servizo único de profesionais contra o lume, exista unha rede de persoas nas aldeas, que durante todo o ano coide e mellore o monte. Podería ser por unha compensación económica?  Poderían ser préstamos a recuperar total ou parcialmente, unha vez que do monte se obtivesen ingresos que superasen os gastos? Como afectaría isto á propiedade privada e comunal?... Non son un especialista no tema, mais penso que o debate é prioritario, e está agora no ámbito da política, do modelo de país, e na defensa urxente do territorio. 

Te puede interesar