Opinión

O catecismo do labrego

Hai agora 130 anos que se publicou en sete entregas o Catecismo do Labrego, en Ourense, no xornal O Tío Marcos d'A Portela. Este libriño, obra do escritor e xornalista Valentín Lamas Carvajal, nado nesta cidade en 1849, tivo unha grande repercusión na época, como reflicte o feito das múltiples reedicións do mesmo. Para min tivo un gran valor, porque foi o primeiro libro en galego que lin de pequeno, logo de chegar con cinco anos a Bos Aires en 1951, coa miña nai e unha irmá, onde nos reuníramos co meu pai que emigrara uns anos antes. 

O meu pai tiña dous libros na casa, que levara da Galiza. Un era un manual sobre temas agrarios e gandeiros e o outro, o Catecismo do Labrego. No texto deste último reflectíanse os problemas e inquedanzas das xentes do campo que eu escoitaba nas xuntanzas que facían na nosa casa emigrantes das terras de Celanova, onde falaban dos atrancos da emigración, lembraban historias do pasado e soñaban co retorno. Por certo, os meus pais, malia seren persoas da aldea, sen estudos, tiñan a Curros e Rosalía como dúas figuras de referencia da nosa cultura, mesmo non tendo ningún libro deles, o que é indicativo da popularidade destes autores.    

Na Historia da Literatura Galega, das Edicións A Nosa Terra (Pilar Garcia Negro, Anxo Gómez Sánchez, Mercedes Queixas Zas), dinnos sobre Lamas Carvajal e a súa obra: “é coñecido e apreciado como escritor, mais coa publicación a partir do ano 1876 do xornal O Tío Marcos da Portela, escrito no idioma propio, vai obter un definitivo referendo popular (...) Tal vez a súa obra máis popular e autentico best-seller da literatura galega sexa a coñecida baixo o titulo Catecismo do Labrego, publicada primeiro no “Tío Marcos da Portela” a partir do parrafeo 250 (21.10.1888), e un ano despois xa como libro solto na impresa El Eco. A acollida deste volume foi tal que en trinta días xa se venderan dúas edicións, alcanzándose a decimo-terceira en 1906, ano da morte do autor”.

Salientan os/as autores que analizan nesta historia da literatura a súa obra, que Lamas Carvajal tivo un gran prestixio no seu tempo, que se traduciu no seu recoñecemento como socio emérito da sociedade Galicia Literaria. Destacan que tiña:“un empeño sen igual por socializar a escrita e a literatura en galego (...) auténtico paladín da defensa dos labregos, concreta nesta clase social, na principal base traballadora do país naquela altura, a súa praxe política, que de mozo, o vinculara ás filas republicano federais”. Cómpre lembrar que ademais foi un dos fundadores da Real Academia Galega, e que no ano 1972, esta dedicoulle o Día das Letras Galegas. 

Lamas Carvajal estudou bacharelato en Ourense e medicina na Universidade de Compostela, aínda que non rematou esta carreira. Nesta última cidade entrou en contacto coa intelectualidade da época e dirixiu a revista La Aurora de Galicia. É autor de: Dez cartas ós gallegos (1875); Espiñas, follas e frores, ramiño primeiro (1875); Espiñas, follas e frores, ramiño segundo (1876); Saudades gallegas (1880); e Musa das aldeas (1889). Ademais desta obra poética, publicou en narrativa: Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña (1887); e Catecismo do Labrego (1888).

As reflexións do Catecismo do Labrego son unha síntese da causa desfeita do noso mundo rural: “Os mandamentos da igrexa labrega: O primeiro, ouvir como nos aldraxan os que mandan, como quen escoita chover. O segundo, mudar de camisa unha vez ao ano, ou denantes se teñen que enterralo a un. O terceiro, comungar con rodas de muíño. O cuarto, xexún polas boas ou polas malas. O quinto, pagar por todo e pra todo, e pagalas todas”. 

Claro que a realidade está suxeita a se modificar radicalmente (sempre!), se hai condicións obxectivas e, especialmente, un suxeito transformador á altura do momento. 

Te puede interesar