Opinión

Oportuna cortiña de fume

No debate sobre o Estado da Autonomía, o Presidente centrou boa parte da súa intervención no conflito entre o Governo español e Catalunya, desviando a atención dos moitos e graves problemas que ten o noso país. Segundo a súa visión, Galiza sería a cara boa, tanto no aspecto democrático como no económico-social. E Catalunya, unha nación sometida a unha minoría que, nunha arroutada, provocou a ruptura social, e non respecta a democracia. Este foi o guión de Núñez Feijóo e o seu partido sobre o que debía ser o resume final do debate, co engadido dalgunhas políticas que transmitisen unha sensación de avance. Estas medidas concretaríanse na atención a máis 10.000 dependentes e a oferta de contratación de 14.000 funcionarios/as ate o ano 2020.

Mais esta visión tan optimista sobre as realizacións propias, e descualificadora con relación a outras opcións políticas e ideolóxicas, carece da mínima autocrítica. Tampouco explica por que nas últimas catro décadas, Catalunya, con governos nacionalistas, foi quen de acadar un desenvolvemento económico, social e cultural moi superiores aos de Galiza. Asemade, esquece intencionadamente, que nese mesmo período, os sucesivos governos conservadores na Xunta, malia as potencialidades do país e o carácter laborioso da xente, non foron quen de defender os sectores produtivos e o emprego. A caída da natalidade, a emigración, e como resume destas tendencias regresivas o avellentamento e a perda de povoación (especialmente, na proporción en relación ao Estado español), contrastan con Catalunya que, non se pode ignorar, ten moito que ver co feito de que a Generalitat non se subordine a Madrid. Pra alén das eivas comúns, por mor do capitalismo.

Mentres que o Presidente da Xunta, que xa ten táboas no Parlamento, escenificaba a Galiza das marabillas e dun futuro prometedor, os medios destacaban a caída do emprego no último mes, unha vez rematada a temporada turística e as substitucións por vacacións, e que rente dun 55% das familias tiñan problemas pra chegar a fin de mes. Non é unha novidade. Son dados que se repiten dende hai anos. Por exemplo, Caritas deu a coñecer que un 42% das familias dependen dunha prestación, esencialmente pensións. Ademais, sabemos que 700.000 persoas están en risco de pobreza na Galiza. Son cifras preocupantes, agravadas pola temporalidade nos contratos e a súa rotación extrema, os baixos salarios, e as horas que se traballan e polas que non se cobra e cotiza. Hoxe pódese ser pobre traballando. A explotación laboral non deixa de se reinventar.

Núñez Feijóo e o seu partido semellan sentirse cómodos neste modelo económico-social, no que por un lado aumenta o PIB e as empresas gañan máis (non todas), mentres polo outro, medran a precariedade e a pobreza, e perdemos habitantes. Isto non se resolve só con axudas parciais. Mesmo poden ser unha rémora. Cómpren políticas que aproveiten as potencialidades, revaloricen o traballo e as empresas. Neste aspecto non se entende a alianza prioritaria coa autonomía de Madrid. Hai razóns pra facelo co antigo Reino de León. Porén, que intereses comúns nos unen a Madrid a non ser unha relación de desigualdade no político, de subordinación nas comunicacións, e un intercambio negativo en capitais. É máis lóxico facer alianzas con Portugal, especialmente co norte, coa cornixa cantábrica, e coa área atlántica europea. Os acordos con Madrid teñen cheiro partidista, de dependencia, mais ningunha xustificación económica e cultural.

A problemática catalá, como o que sucede en Siria e Iemen, os tratados de libre comercio, a flexibilidade cuantitativa do BCE, a lei de unidade de mercado, e outros temas, merecen un debate especifico no Parlamento Galego. Neste pleno, o Governo galego debía render contas sobre a súa xestión. Non o fixo. Por algo será?

Te puede interesar