Opinión

Os incendios como síntoma

A gravidade dos incendios producidos a pasada fin de semana, pon de manifesto comportamentos delituosos, así como responsabilidades políticas. Asemade, verificouse que a solidariedade é un valor que non se perdeu na nosa sociedade. Os lumes abrangueron practicamente toda Galiza, con perdas humanas, danos en casas e edificacións, explotacións agrícolas, no espazo forestal e na paisaxe. Días antes xa ardera moito territorio, por exemplo na provincia de Ourense, alertando de que unha variación meteorolóxica adversa podía crear un desastre. 

Todo indica que a maioría dos lumes obedecen a pautas delituosas. Nuns casos están ligados ao valor da madeira, noutros á prolongación das contratacións de empresas e persoas que participan na extinción. Hainos tamén causados por motivos de tipo psicolóxico ou de pura maldade. Hai que aplicarlles o peso da lei. Finalmente, hai incendios debidos ás neglixencias; hai que evitalas impoñendo duras medidas sancionadoras. Mais non parece que aclare ren, nen axude neste aspecto, publicar como fixo algún medio, como perfil dos incendiarios, o dunha persoa do rural, varón, de entre 30 e 70 anos. Ou sexa, criminalizar a todos. Cando ademais, este colectivo é o primeiro afectado polos actos delituosos e o desleixo dunha minoría. Diríase que existe a pretensión de botar lixo sobre o mundo da aldea. 

Resulta ilustrativo que os incendios se centrasen nunha zona que inclúe Galiza, parte de Asturias, e norte e centro de Portugal (o antigo Reino da Galiza). Un territorio cun tipo de propiedade rural, especies arbóreas, e con problemáticas económica e social moi semellantes. A diversidade administrativa serve de escusa pra que algún afirme, que buscar responsabilidades na Xunta carece de sentido, dado que os governos afectados son de diferente cor. Coinciden así con aqueles que centran todo o problema nos que prenden lume, ignorando quen e porque agrandou os efectos, ao non tomar as medidas necesarias pra evitar o desastre (ou reducir o dano). Óbviase que as especies coas que se reforestaron áreas de monte ou de cultivo poden ter un rendemento inmediato, mais degradan o chan, modifican os ecosistemas, e favorecen a expansión do lume. 

Sobre todos estes aspectos puido axer a Xunta presidida por Núñez Feijóo, e non o fixo. Tampouco estivo á altura na limpeza dos montes, da dignificación do traballo das brigadas, e cando desactivou parcialmente o plan contraincendios, a finais de setembro, mantendo a rutina sen ter en conta as características climáticas excepcionais. Así o denunciou o BNG varias veces. E o pasado venres 13, no Parlamento Galego, o PP contestoulle que se tomaran medidas “serias e rigorosas”. Dous días despois o lume chegaba aos catro cantos do País. Esas son as responsabilidades políticas da Xunta. E non as pode eludir. 

A Xunta quere canear estas neglixencias botándolle toda a culpa do acontecido a unha trama incendiaria. A mesma que o PP negaba que existise durante o bipartito. Hai máis dunha razón pra traxedia vivida estes días. Ante todo están os incendiarios. Mais tamén, o tipo de reforestación. E que a maior parte do territorio está sen coidar debido á destrución do rural (pensemos só no prezo do leite e outros produtos, que non poden competir nun mercado aberto, industrializado e con condicións de traballo indignas, e co abuso de substancias químicas, etc.). Como consecuencia, perda de povoación e avellentamento. Os incendios son un síntoma máis dun modelo de desenvolvemento que hipoteca o presente e o futuro. Nesta desfeita houbo un aspecto positivo: milleiros de persoas sumáronse á loita contra o lume, aínda que non lle afectaba directamente. Destacou neste aspecto, a mocidade, así como nas mobilizacións posteriores. Son a cruz e a cara da realidade social e política da Galiza. 

Te puede interesar