Opinión

Por outras reformas económicas e sociais

Tanto Rajoy como Feijóo están contentes, sacan peito, xa que a economía do Estado español (EE) é unha das que máis vai medrar na Unión, mesmo por riba de potencias como Alemaña e Francia, e países cunha forte industria transformadora como Italia, xa que na actualidade aparece con números negativos a primeira, estancada a segunda e cun crecemento baixo a terceira (1,2% no 2014). O estado que turra da UE é o Reino Unido, malia que a un ritmo moi pobre (calcúlase que o aumento sexa dun 2,4% no ano), mentres que o medre do EE é semellante ao de Portugal ou Polonia, e por debaixo de Lituania e Hungría.

Claro que o triunfo de Rajoy e Feijóo non é precisamente tan real. Só un 1,3% de crecemento do PIB, que ademais non se vai notar na mellora da calidade de vida das clases populares. Todo é sementar expectativas de que imos no camiño correcto e que cómpre seguir axustando, ou sexa: salarios máis baixos, xornadas máis longas, maior temporalidade, menores prestacións sociais e unha fiscalidade máis regresiva. Agóchase que, mentres tanto, aumentan os salarios dos directivos das corporacións (un 7% máis no ano 2013), concéntrase a riqueza nuns poucos, e a banca e outras empresas reciben achegas millonarias dos cartos de todos e todas. En poucas palabras, a uns se lles mima e a outros se lles carga de responsabilidades, esforzos e precariedade. Resultado: o Estado español é o máis desigual da eurozona, xa que entre o 20% da povoación da franxa máis alta e o 20% da máis baixa, hai unha diferenza de ingresos de 7,5 veces.

En realidade nen o Estado español é a locomotora da eurozona, que segue a ser a economía alemá, malia que perdese folgos, nen se pode dar por consolidado o crecemento do PIB, xa que as reformas estruturais que predica o Presidente do Governo son máis do mesmo e alentan a longo prazo a crise. Son medidas que deprimen o consumo (pra alén do turismo) ao dar folgos á desigualdade social e territorial, como consecuencia da imposición dun sistema que ten seus alicerces na lei da selva nas relacións entre países e clases sociais. O Estado, en toda a súa extensión non se emprega pra evitar a concentración e centralización da riqueza, senón pra alentala co discurso de que cómpre dar azos aos “xeradores de riqueza e emprego”, cando en realidade o que se crea é cada vez máis precario, e as diferenzas entre as nacionalidades ou autonomías medran arreo.

Hai crecemento do PIB, porén que se manteña non é doado. A industria segue estancada, a balanza comercial volve ser negativa, e a tensión na Ucraína e a confrontación con Rusia están pasando factura, así como o menor crecemento dos BRICS. A economía alemá xa o sinte ¿canto pode demorar en chegar ao EE e a Galiza?... Os mellores datos de desemprego son unha brincadeira estatística, xa que en boa medida se deben á emigración e ao aumento dos contratos a tempo parcial.

Non hai dúbida de que as mudanzas estruturais son necesarias, mais non son as que propoñen os partidos sistémicos, PP e PSOE; deben ser doutro tipo. Cómpre nacionalizar a banca, a enerxía, as telecomunicacións, pra abaratar estes servizos que hoxe enriquecen unha minoría cobizosa e especulativa, son unha lousa sobre as empresas e familias, e frean o desenvolvemento. É necesaria unha reforma fiscal que redistribúa a riqueza, permitindo aumentar o consumo, xerar emprego, e garantir as prestacións e servizos esenciais. Cómpre un salario mínimo digno, que se respecte a xornada laboral legal e que se paguen todas as cotizacións sociais. Só cumprindo a lei, baixaría o desemprego á metade. Evitar a desigualdade, a marxinación, e a pobreza é posíbel; ¡fai falla vontade política! É necesario pór couto á cobiza, á destrución da natureza, da cultura, á mercantilización das relacións entre as persoas e entre os povos.

Te puede interesar