Opinión

Pacto da Moncloa, constitución e autonomías

Nesta conxuntura acumúlanse tres crises: a económico-social, a democrática, e a nacional. Polas contradicións que estas xeran, o chamado por algúns “Réxime do 78” perdeu a capacidade que tiña pra manter sen contratempos a viabilidade dos intereses das clases dominantes. En calquera caso, pra alén das valoracións que fagamos no específico, sobre cales deben ser as saídas ao conflito catalán, este amosa o esgotamento dos acordos de governabilidade de hai catro décadas. Están en cuestión o marco económico-social, as regras democráticas, e o papel das nacionalidades. Lembremos que unha parte do nacionalismo xa considerou daquela o Estado das Autonomías como unha simple e insuficiente descentralización administrativa. As súas eivas agraváronse coa LOAPA primeiro, e coa entrega de competencias á UE despois. 

Esquécese xeralmente que aquel pacto político, que garantía unha transición evitando a ruptura co réxime defendida por gran parte da oposición á ditadura franquista, tivo a súa primeira proba de fogo nos Pactos da Moncloa. Asináronse hai catro décadas, o 25 de outubro de 1977, polos partidos UCD, AP, PSOE, PSP, CiU, PNV e o PCE. O acordo sacrificaba as reivindicacións salariais da clase traballadora, que era a punta de lanza das reivindicacións laborais, e xunto co nacionalismo periférico, encabezaba as loitas democráticas e políticas. A escusa que se daba, era a crise económica e un hipotético golpe armado dun sector do exército comprometido co anterior réxime. O pacto afectou especialmente a CC.OO. e UGT, que tardaron días en reaxer. Mesmo, nun primeiro momento, algúns sindicatos e localidades opuxéronse frontalmente. Porén, terminaron aceptando o acordo pechado polas cúpulas dos partidos que eran a súa referencia política. Cómpre dicir que este modelo pactista terminou implantándose, primeiro grazas á UGT e incorporando logo CC.OO. Chamóuselle concertación. Asinaríanse máis pactos sociais nos seguintes anos, desta vez por iniciativa deses sindicatos: AMI (1981), ANE (1982), AES (1985), etc.

Os Pactos da Moncloa limitaban o aumento salarial e permitían o despedimento sen impedimentos de ate o 5% do cadro de persoal, entre outros aspectos. O acordo converteuse nunha batalla convenio a convenio, rachando a unidade da clase traballadora, e puxo a unha maioría na defensiva. No noso país, opuxéronse ao pacto sindicatos como a ING, CNT e USO, que realizaron manifestacións conxuntas o 11 de novembro de 1977. A oposición aos Pactos da Moncloa fortaleceu esencialmente o sindicalismo nacionalista galego, máxime despois do éxito das posteriores xornadas de loita, ligadas a este tema, o 27 de xaneiro e 27 de xuño do ano 1978. Con este acordo, que garantía os intereses das clases dominantes, e defendido nas empresas sobre todo pola base sindical do PSOE e do PCE, ficaba aberto o camiño pra un pacto no ámbito político e no modelo de Estado, freando as reivindicacións das nacións subordinadas. A Constitución, que consagraba o réxime do 78, aprobaríase en referendo o 6 de decembro dese ano. 

Hoxe, cando semella que a saída á problemática catalá (crise nacional) vai ser a man dura, con detencións e sancións coa escusa da legalidade (crise democrática), quérese recobrar nunha segunda fase un maior consenso nas regras de xogo, a través dunha reforma constitucional que dea “encaixe a Cataluña”. PP e PSOE dánse seis meses pra conseguilo. A cuestión é, que ningunha das nacionalidades vai permitir un trato diferente, aínda que todo indica que as reformas serán cosméticas. E asemade, a governabilidade tampouco está garantida sen un reparto xusto do traballo e da riqueza, tanto entre clases sociais, como entre territorios. Porque estas contradicións son interdependentes, e non estamos na situación económica e política do 78. 

Te puede interesar