Opinión

Pensións, no gume 
da navalla

O Governo do Partido Popular acudiu nos últimos anos, unha e outra vez, ao Fondo de Reserva da Seguranza Social pra pagar as pensións, utilizando o argumento de que os ingresos son menores que os gastos. Todo leva a pensar que se están facendo realidade as previsións máis pesimistas, que auguraban que en dous ou tres anos estaría crebado o sistema. Non é unha cuestión menor. Na Galiza afectaría a 1/3 das familias, a persoas que non teñen ningunha posibilidade de enfrontar un escenario tan complexo, como consecuencia das limitacións físicas propias de idade.

Neste caso, o Governo non pode canear o problema botándolle a culpa á situación internacional, nen á oposición, tampouco ás autonomías e concellos, xa que as pensións e as relacións laborais son competencias exclusivas do Estado. E sendo certo que diminuíu o número de ocupados e aumentou o de pensionistas, non é un condicionante definitivo. Primeiro, porque esta tendencia dáse en todo o mundo. Segundo, a actual crise será superada nalgún momento, como xa está acontecendo, aínda que sexa de xeito conxuntural. Terceiro, o aumento a medio prazo da renda media debe servir en boa medida pra contrarrestar a evolución demográfica.

Un atranco pra unha solución solidaria, é que o Governo estea máis preocupado en aumentar a taxa de lucro das empresas que nun reparto xusto da renda e do emprego. Fago esta afirmación porque o executivo non ignora que o desequilibrio nas contas da Seguranza Social débese en boa medida á fraude nas cotizacións, e que a reforma laboral deulle máis folgos a esta eiva. En sectores como a hostalaría, a construción e moitos talleres, é normal que se traballen nove ou máis horas e se cotice por seis, e mesmo non son poucos os casos nos que se cotiza por catro horas á semana cando se traballa a xornada completa. Unha fraude que engorda as contas de resultados de moitos empresarios, e que ademais é unha competencia desleal cos demais, e que termina por empurrar a todos a facer o mesmo. Unha fraude que atenta contra os pensionistas actuais e os futuros, máxime cun grao de precarización tan grande. Unha fraude na que o traballador/a está forzado a colaborar pasivamente, aceptando as condicións se quere ter emprego. Unha fraude que consente o Governo, e que amosa unha actitude insensíbel coas clases populares.

Por se non abondase co anterior, a tarifa plana, seica pra axudar á creación de emprego (como se alguén contratase polas axudas e non polo aumento da carga de traballo!!), implica un custe pras arcas da Seguranza Social duns 1.500 millóns de euros por ano, máxime cando son medidas que se manterán ate o ano 2017. Outras subvencións nas cotas aos empresarios teñen un custe anual doutros 2.500 millóns. Se a isto engadimos a rebaixa do salario medio, así como nas últimas décadas, da porcentaxe que corresponde ás cotizacións, temos os principais ingredientes que foron minando o sistema público de pensións. A solución que se ofrece unha e outra vez, mesmo con beneficios fiscais, son os sistemas privados, os chamados fondos de pensións, co que semella se quere facer táboa rasa da débeda interxeracional, e ademais outorgarlle ás corporacións un novo e inmenso negocio.

Colocar as pensións no fío da navalla, significa na Galiza, facelo especialmente co rural, cos galegofalantes, coas mulleres, cos dependentes, e con moitas familias nas que son os únicos ingresos que evitan a pobreza como consecuencia do desemprego e do traballo precario. Daquela, resulta ofensivo presumir de alto nivel de vida e do aumento da idade media das persoas, e que na práctica se tomen medidas que marxinan á franxa máis débil da povoación, dando folgos a unha enorme regresión nos avances que se conseguiran con tantos sacrificios nas últimas décadas.

Te puede interesar