Opinión

Pensións, propostas parciais e insuficientes

Todo fai pensar que a rectificación parcial de Rajoy no tema das pensións, non vai calmar o descontente neste colectivo. Sabe a moi pouco o aumento das máis baixas no 3% como máximo, e  que se eleve a exención do IRPF de 12 mil a 14 mil euros/ano. Trátase dunha mellora ridícula pra  prestacións que maiormente están por baixo dos 500 euros mensuais, especialmente nas non contributivas. Ademais, consolida máis un ano a perda do valor adquisitivo daquelas máis altas, que son produto das cotizacións, ou sexa que derivan dun desconto anticipado, que agora o Governo confisca en parte, ao incumprir a súa parte do contrato. 

Polo tanto, se a pretensión de Rajoy era dividir o colectivo non o vai conseguir. A proba está en que despois dos festivos xa se reiniciaron as concentración de pensionistas, e a Confederación Intersindical Galega (CIG) anuncia manifestacións en cidades e vilas en toda Galiza pra o 15 de abril, pedindo pensións e salarios dignos. 

Que o Governo aumente exclusivamente as pensións máis baixas non responde a que teña unha  sensibilidade especial sobre o tema, porque se así fose o aumento sería moi superior. Todo amosa que tampouco é produto da improvisación. Daquela que, ademais de tratar de distinta maneira o colectivo (pra fragmentalo?), todo fai pensar que incidiron na proposta do Governo dous obxectivos esenciais que benefician ao capital. O primeiro, reducir as pensións máximas pra transmitirlle ás/aos ocupados actuais a idea que, se queren ter unha xubilación digna, deberán complementar a pensión pública básica cun fondo privado. O segundo, aproveitar a conxuntura pra axustar ingresos e gastos, non actualizando máis unha vez as pensións que superan o salario mínimo (derivadas das cotizacións), o que implica anos de perda en poder adquisitivo. 

O lóxico, tratándose dun segmento da sociedade tan fráxil, pola súa idade e/ou dependencia, sería que a pensión mínima fose semellante ao salario mínimo, que neste intre xa sería inferior ao necesario pra cubrir as necesidades básicas. O outro aspecto esencial é que as pensións suban cando menos igual que a inflación. Téñase en consideración que esta representa unha media do gasto, e que o medre real do IPC sempre é maior no consumo habitual das clases traballadoras. Di o Governo que isto é imposíbel, que os gastos do sistema é maior que os ingresos, e todo o supedita ao aumento do emprego. 

En realidade o PIB a esta altura é algo superior ao de antes da crise. Entón, por que o desequilibrio é tan grande? Ante todo porque o Governo réstalle aos ingresos do sistema varios miles de millóns de euros ao ano coa tarifa plana. Por se non abondase, a maior parte das horas extras non se pagan, nen se cotiza por elas. Ademais, a última reforma laboral realizada polo PP esmagou a capacidade dos sindicatos na negociación colectiva, dando lugar a unha caída dos salarios, e polo tanto das cotizacións. Por outra banda, sería lóxico que o pagamento das pensións das persoas autónomas e as que teñen carácter non contributivo se diferencien do sistema xeral que se sustenta no traballo.

Asemade, cómpre lembrar que a clase obreira contribúe ás pensións dos segmentos asalariados mellor retribuídos. As profesións con salarios máis altos son as que producen un maior gasto. A media de vida dun peón é de 72 anos, e a dun médico, contábel ou enxeñeiro de 80. Polo que se debería eliminar o tope máximo por ingresos pra o desconto da seguridade social. Un diferencial semellante dáse entre xéneros, as mulleres superan en 6-5 anos a media de vida dos homes. Afirman que o sistema será imposíbel de soportar en poucas décadas, mais estas análises obvian o medre da produtividade, e que o problema central está nun reparto inxusto do traballo e da riqueza producida. 

Te puede interesar