Opinión

Persoas dependentes, contexto e necesidades

A poboación galega está avellentada, tanto pola mellora na calidade de vida e dos servizos sanitarios, como pola baixa natalidade. O retroceso demográfico responde ao papel subordinado do noso país no marco do Estado español, cun carácter secundario na cadea de valor, agás algunhas excepcións. Un exemplo témolo en que a inmensa maioría das empresas estratéxicas e máis dinámicas pasasen a mans do capital foráneo, co que isto implica na exportación de capital pola vía privada. A falsa xenerosidade do Estado con Galiza en materia de recursos públicos, non muda esta tendencia, e na práctica consolida o carácter negativo das transferencias netas.

Se ao papel subalterno que xoga o noso país engadimos o aumento da desigualdade, por mor do retroceso dos salarios, a alta taxa de desemprego, as pensións medias moi baixas, así como as prolongadas xornadas laborais e a precariedade na contratación, temos as razóns fundamentais polas que cae a natalidade. Se a isto sumamos que unha parte da povoación galega emigrou ou está realizando traballos temporais no exterior (sen modificar o seu lugar de residencia), temos un panorama máis completo da traxedia demográfica de Galiza. Este problema non se soluciona importando inmigrantes, xa que aumentaría man de obra de reserva en prexuízo dos galegos e galegas e daqueles inmigrantes que residen no país. Os procesos migratorios deben responder á realidade económico-social, cómpre desenvolver políticas de integración da inmigración e legalizar a aqueles que se atopen en situación irregular, e polo tanto máis expostos a todo tipo de abusos. 

Neste contexto hai que realizar propostas especificas en relación coas persoas dependentes, que  constitúen un problema importante, e as veces dramático, co que se enfrontan milleiros de familias, e que foi acelerado polo despovoamento do mundo rural (forzado). Tampouco se pode obviar que existe unha relación directa entre salarios, pensións e as prestacións e servizos públicos, como a sanidade, e a atención das persoas dependentes. E, sendo certo que se deben facer propostas especificas neste tema, é necesario que se realicen evitando a foto fixa, a ignorancia do contexto e dos distintos escenarios posíbeis. Interpretacións que renuncian a considerar aos galegos e galegas como suxeitos políticos, relegados a cumprir un papel subordinado. 

No aspecto concreto da problemática da dependencia, a proposta feita polo BNG pode ser un punto de partida. Reclama ao Estado 186 millóns que debe a Galiza, “pra sacar do limbo a 30.000 persoas dependentes que precisan axuda a domicilio, 14.000 transporte adaptado e 12.000 prazas nos centro de día”. A estas reclamacións habería que engadir a falta de prazas abondo nas residencias, e a necesidade que este servizo esencial sexa cuberto con medios públicos. Moitas situacións de dependencia son atendidas hoxe por mulleres da familia (máis do 80%), que hipotecan así anos da súa vida. Cómpre lembrar que un 57% das persoas maiores de 65 anos, e un 64% das maiores de 80, son do sexo feminino. 

Hai na Galiza 673 mil persoas maiores de 65 anos sobre un total de 2.700 mil habitantes, ou sexa, o 25% do total. Trátase dunha porcentaxe moi alta, mais nunca houbo tanta creación de riqueza. Ademais é positivo que a xente viva máis anos, como necesario que se controle a demografía pra preservar os ecosistemas. Resumindo. Debese asumir o gasto da chamada “terceira idade” como unha tarefa solidaria da povoación activa coa xeración anterior, como esta fixo no seu día coa que lle precedeu (ou como se fai coa educación). Polo tanto, cómpre distribuír axitadamente a riqueza producida, tanto entre clases, como pensando no futuro, ou sexa: non se pode entender a atención das persoas dependentes como unha carga ou un negocio. 

Te puede interesar