Opinión

A pobreza: síntoma ou parte do modelo?

A pobreza e exclusión é unha lacra que se mantén en porcentaxes moi altas, malia o incremento do PIB e do emprego, dacordo co 8º informe de EAPN (Rede Europea de Loita contra a Pobreza). Segundo este estudo no ano 2017 no Estado español (EE) un 26,6% da povoación estaba en risco de pobreza ou exclusión social. Na Galiza atinxiría o 22,6% dos residentes, catro puntos menos (non será pola emigración e o factor rural?). Os dados do informe son de interese pra podermos localizar axeitadamente en que segmentos da sociedade se concentra o problema, xa que mesmo sendo de ámbito estatal serven de referencia. Nomeadamente no estudo salientan como afectados tres colectivos: o 59,1% das persoas desempregadas; o 40,6% das familias monoparentais; e o 39,2% da inmigración provinte de Europa e o 52,1% da orixinaria do resto dos países do mundo.

As cifras de pobreza son moi graves, mesmo se comparamos cun país como á Arxentina. Naquela nación, malia a crise do “corralito” e todas as que lle seguiron, aínda que houbese unha etapa de medre do PIB co kirchnerismo, e políticas de expansión dos servizos sociais, a pobreza atinxe hoxe o 27,3% da povoación co neoliberal Mauricio Macri. Se temos en conta que a renda por persoa é o dobre no Estado español, e que a economía crece a maior ritmo, resulta evidente que é consecuencia de políticas que son cando menos igual aparentes na defensa dos intereses das clases populares. 

Segundo a Comisión Europea só Romanía e Bulgaria teñen un grao superior de desigualdade que o Estado español, que empata con Grecia. Tamén un informe de 2017 da OCDE destaca a desigualdade económica e a mala calidade democrática. Dá que pensar, porque se trata de institucións e organismos que predican o neoliberalismo, o axuste, e mesmo así valoran que o Governo central se lle foi a man (aos que hai que sumar moitos dos autonómicos), que se pasaron nas políticas de defensa dos intereses das corporacións e grandes fortunas. Porque está razón máis do 50% das familias teñen problemas pra chegar a fin de mes, e unha franxa importante de persoas que traballan non gañan abondo pra satisfacer as súas necesidades vitais (14,1%). 

Polo tanto, non se trata só de producir e aumentar o PIB, senón de como se reparten os ingresos e o esforzo. Daquela que sendo medidas insuficientes pra remediar o problema, a proposta de aumento do salario mínimo a 14 pagas de 900 euros, e obrigar a cotizar polas horas extras, son un paso no camiño correcto, tanto pra reducir a pobreza dos que traballan, como pra acrecentar o consumo, dando pulo á pequena empresa. Tamén é positivo controlar as horas que se realizan, e sobre todo limitar as horas extras, pra rebaixar a taxa de desemprego, na actualidade aumentada artificialmente pola fraude das horas en negro. Medidas insuficientes, que deben ser complementadas coa mellora dos servizos (sanidade, ensino) e das prestacións públicas (pensións, desemprego, dependencia,...). 

O aspecto central está nun reparto xusto do traballo e da riqueza producida, como o evidencia un informe da CEPAL. Neste comparábase o efecto sobre a redución da pobreza na América Latina do aumento salarial, por unha banda, e as axudas aos colectivos máis desfavorecidos, pola outra, que nalgúns países foron considerábeis. A conclusión é que, o 75% das melloras corresponderon aos avances nas condicións laborais. Ou sexa, que o traballo ten un carácter central na diminución da pobreza e da marxinación. Todo indica que a precariedade, a explotación e opresión, ademais de síntomas son consubstanciais con este modelo de economía e sociedade, construído en beneficio das minorías. E fronte a intereses tan poderosos, non abonda con coa razón e as palabras, fai falla unha sociedade mobilizada, organizada, realmente democrática. 

Te puede interesar