Opinión

A proposta federativa de Lugo

O 17-18 de novembro cúmprese un século da aprobación do Manifesto Nacionalista de Lugo, unha data sobranceira na historia da Galiza. No Estado español governaba García Prieto, que formou parte dunha ringleira de executivos efémeros, moi condicionados pola guerra en Marrocos, sementada de desastres militares, ao que se sumaba a conflitividade social. García Prieto, ligado a Galiza e emparentado con Montero Ríos, cae ao querer aprobar as “mancomunidades”. 

A Asemblea Nacionalista de Lugo foi convocada polas Irmandades da Fala. Estas xurdiran dous anos antes na Coruña, e fixeron de A Nosa Terra seu voceiro. Entre os seus promotores estaban Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Florencio Baamonde; mais, seica a iniciativa foi de Aurelio Ribalta. O proxecto esténdense axiña a Compostela, Monforte, Pontevedra, Ourense e Vilalba. Galiza está mergullada na loita labrega contra os foros e o caciquismo, e de axitación obreira (lembremos a folga xeral de 1917). Ao que se sumaban as reclamacións nacionalistas, que deron lugar á Mancomunidade de Cataluña (que unía as competencias das deputacións); aceptada por Dato e asinada polo Rei en 1913. 

Este era o contexto social e político que alentaba a xuntanza de Lugo, que se dá poucos días despois de que Alemaña asine o armisticio (11 de novembro) que porá fin á Primeira Guerra Mundial. Ademais, a asemblea era un paso lóxico dados os antecedentes históricos. Vexamos. A supresión do Reino de Galiza en 1833; a asemblea federal de Compostela en 1843, na que se debateu unha proposta de Faraldo a prol da independencia; a Revolución de 1846; o banquete de Conxo en 1856; o Partido Republicano Federal de Galicia redacta en 1887 un proxecto de constitución pra o “Estado Galaico”; a Asociación Regionalista Gallega en 1890; a Cova Céltica en 1898, Solidariedad Gallega 1907. Tratase polo tanto dun proceso que enceta coas grandes revolucións nacionais e sociais de metade do século dezanove en Europa. E que culmina coa Revolución Rusa de 1917, que recoñece o dereito de autodeterminación das nacionalidades.

A xuntanza de Lugo fíxose no hotel Méndez Núñez e asisten unhas 60 persoas, a metade son da Coruña. As Irmandades están formadas por 13 organizacións locais e contan con 700 afiliados/as. A esta altura a “igrexa católica dá por perdida a batalla ideolóxica dentro do galeguismo o que provoca o afastamento de case que todo o sector católico (...) Na reformulación nacionalista conflúen dúas tendencias ideolóxicas moi dispares. Dunha banda a liberal democrática, dominante no grupo promotor, ao que se incorpora Luís Peña Novo (que evolúe desde o nacional catolicismo) e o filo socialista, como Xaime Quintanilla. (...) E doutra banda, os católico tradicionalistas, que volven agromar con forza grazas a que o “ex-jaimista” Losada Diéguez asume o nacionalismo e catequiza aos que serán motores do grupo Nós...” (Justo G. Beramendi, O Nacionalismo Galego, Edicións A Nosa Terra). 

A Asemblea de Lugo será un pulo cualitativo, xa que artella nunha estrutura federativa as Irmandades locais, xurdindo deste xeito unha organización de ámbito galego, cun programa común e un voceiro nacional. Tamén aproba como obxectivos: unha autonomía integral, nacionalización dos camiños de ferro, e procurar incorporar a Portugal á confederación. Suma outras propostas como: control da política económica, réxime tributario propio, igualdade de dereitos pra muller... Estas medidas adiantábanse ao seu tempo. O fracaso nas eleccións de 1918 e a súpeta morte de Porteiro Garea fai que as Irmandades se inclinen deica a opción culturalista. Consumándose a ruptura entre as dúas tendencias, freando o avance do nacionalismo durante unha década. No futuro, con cada paso, estará máis ligado ás clases populares e virado á esquerda.

Te puede interesar