Opinión

O PSOE perde o rumbo?

Adecisión do PSOE de lle entregar o Executivo ao PP seica quere garantir a governabilidade. Trataríase dun acto de responsabilidade, segundo afirman dende a Xestora, malia que xerou unha importante fenda interna e coa súa base electoral. Tampouco lle garante gañar tempo pra recuperar a complicidade dos votantes, evitando unhas terceiras eleccións no inmediato. Como afirmou Rajoy na investidura: non abonda coa abstención, hai que contribuír a un programa de governo, sen sacrificar as leis que permitiron “saír” da crise (en referencia ás nefastas reformas laborais e das pensións, a LOMCE e lei “mordaza”), e cumprindo as novas esixencias de déficit público reclamadas pola UE. E deixou claro, que de non estar asegurados estes obxectivos, haberá que convocar terceiras eleccións, e que nese caso, cada un sabe o que lle espera, en referencia ao PSOE. 


En poucas palabras, o tempo que necesita a dirección socialdemócrata como auga bendita, pra saír da poza, será administrado por Rajoy. Mal negocio. Máxime cando o PP segue a ser o seu principal adversario, aínda que só sexa a respecto da disputa pola administración das institucións políticas, porque na defensa do sistema existe coincidencia dende hai tempo. Lembremos que os axustes pola crise encetaron con Zapatero, e Rajoy aproveitou pra darlles un novo e forte empurrón. Con estes antecedentes, e co apoio entusiasta de Ciudadanos en todo o relativo á globalización neoliberal e á negación dos dereitos nacionais de Cataluña, Euskadi e Galiza, máis os temores a novas eleccións, é co que conta o PP pra sacar adiante os orzamentos e a lexislatura, ou unha parte importante da mesma. 


Coa análise e a folla de ruta argallada pola dirección actual do PSOE, non será doado que se recupere. Ante todo porque o momento político, as perspectivas de futuro e o estado de ánimo da xente non son os de hai unha década. Existe unha desconfianza moi forte dos partidos sistémicos, de todos, das súas incoherencias, por estar ao servizo dos poderosos. E a socialdemocracia fai auga en todo o mundo. Non ten unha folla de ruta progresista que ofrecer ás maiorías. Neste contexto, recuperar a confianza dos votantes non é unha cuestión de tempo, ou de traballo serio, ou de ver como se cambian dúas ou tres cousas. Os retrocesos laborais, sociais e democráticos son tan fortes, que non abonda con pequenas rectificacións. E os donos do poder tampouco están dispostos a facer cesións, senón a seguir globalizando, concentrando e centralizando, reducindo salarios e impostos (co argumento da competitividade e a ameaza da deslocalización). 


A cuestión de fondo non é a governabilidade, senón terminar coas políticas regresivas. E iso pasaba, aínda que fose insuficiente dada a correlación de forzas actual e os programas dos partidos da oposición, por un governo alternativo ao PP. E a medida que avancen os días será máis evidente. O PSOE non poderá evitar o abrazo do oso, dados os seus compromisos con sectores do poder. E se o consegue, seguirá pagando a responsabilidade de lle ter outorgado o Governo a quen está comprometido a fondo coas clases dominantes. Non penso que a socialdemocracia volva ser a referencia de hai unha década. A tendencia indica que aumenta a desigualdade, a violencia, a desfeita dos ecosistemas. Neste escenario, o PSOE e partidos afíns teñen pouco espazo, porque as necesidades e urxencias son máis radicais, e as alternativas polarízanse. Evidentemente será un proceso gradual, porén cada vez máis acelerado, porque os tratados de libre comercio, como o CETA que se vai asinar estes días entre a UE e Canadá, dan pulo á confrontación, a unha maior desigualdade. A resposta é a mobilización, a coherencia dos partidos que loitan pola xustiza social, a democracia, e a soberanía nacional.

Te puede interesar