Opinión

Siria, suma de intereses contra a paz

En Siria, as grandes potencias están confrontando a súa capacidade militar e económica, e poñendo en evidencia a contradición entre a propaganda e a realidade. O máis destacábel neste intre, ademais do fracasado acordo de paz entre os Estados Unidos e Rusia, é o crecente protagonismo de Erdogan ao invadir a zona norte do país, seica pra combater o Estado Islámico (EI), mais co obxectivo de esmagar os curdos. O obxectivo semella ser a creación dun protectorado e a división de Siria. Unha actitude claramente expansionista, que conta coa colaboración aérea e técnica dos Estados Unidos, que deste xeito, e sen aviso previo, mudou alianzas, enfraquecendo a loita contra o terrorismo.

Todo indica que o cambio de prioridades de Washington ten como finalidade frear unha aproximación entre Erdogan e Putin, e restablecer as complicidades con Turquía. Agora ben, todo puido ser unha brincadeira. Se fose así, o presidente turco, pra se manter no poder, tería aceptado baixar a cabeza e pedir perdón a Rusia polo derribo do caza, e escenificar un afastamento de Obama, coa única finalidade de facilitar a invasión do norte de Siria. A declaración de Erdogan de que apoia a Ucraína fronte a Rusia na cuestión de Crimea na Asemblea Xeral da ONU é a mensaxe para Putin de que se reintegraron á fidelidade total da OTAN, aínda que intente contrarrestala coa formalidade de que Turquía manterá as mellores relacións con Moscova.

Se todo fose unha farsa, na que se acordou un calendario pra calar as armas coa única finalidade de gañar tempo, rearmar e reagrupar á oposición e ocupar o norte de Siria, pra contrarrestar o avance militar do exército sirio en Alepo, sería algo moi grave. Porén, dá coherencia ao acontecido. Por exemplo, as accións armadas da oposición foron de menos a máis durante a tregua, e non ao envés como é razoábel en todo proceso deste tipo. Esta análise dos feitos tamén explica que Washington se negase a facer público o pacto, e non forzase á chamada oposición “moderada” pra que rachase vínculos cos terroristas da Fronte Al Nusra (Al Qaeda). Ademais, dá lóxica aos bombardeos de Israel sobre as forzas do governo nas áreas próximas aos territorios ocupados dos altos do Golan, así como ao ataque aéreo (por erro?) do aeroporto de Deir ez-Zor, provocando máis de sesenta mortos e un cento de feridos. Bombardeo realizado pola alianza comandada por Estados Unidos, e que foi aproveitado polo EI pra atacar esta cidade, que teñen cercada (e na que viven 150.000 persoas).

Tampouco é críbel a acusación de que avións rusos ou do Governo atacaron un convoi da ONU con alimentos. Con que finalidade militar ou propagandística? Sería un haraquiri, máxime co control internacional que as potencias occidentais teñen sobre os medios. Neste caso, como o da utilización de armas químicas, por Iraq ou Siria ao principio da guerra, semella máis unha política de intoxicación. E neste tema, Estados Unidos ten unha longa historia de accións encubertas pra xustificar intervencións e ataques masivos, por non falar dos asasinatos sen xuízo previo de adversarios políticos, mediante operacións ilegais e secretas; todo co sobado argumento da defensa da democracia.

Coido que o Governo sirio, coas privatizacións, agravou a situación económica, abrindo unha fenda social que foi aproveitada por grupos internos e potencias exteriores pra destruír un país que é molesto para Israel e Estados Unidos. Ademais, esta e outras guerras son funcionais para o complexo industrial militar norteamericano, xa que representa entre o 25-30% do PIB. A guerra, en gran medida privatizada, é pra esta potencia unha actividade económica fundamental. Un dado que non se pode ignorar e moito menos desprezar, cando se procura a solución pacífica dos conflitos.

Te puede interesar