Opinión

Solidaridade, xustiza e esforzo

Foi noticia destacada, que se vai conceder  unha renda básica universal a mil persoas nun barrio de Barcelona, con fundos achegados pola Unión Europea. Experiencias igual de reducidas estanse a realizar noutros países da UE, por exemplo en Finlandia. A contía total sería duns cinco millóns de euros, ou sexa rente de 400 euros por persoa ao mes. Chama a atención o reducido que é o colectivo “beneficiado” así como a subvención recibida, tendo en conta que ademais se lle descontarían as outras axudas que reciban. 

A renda básica universal parte da idea de que toda persoa ten dereito a recibir unha contía de diñeiro pra satisfacer a súas necesidades básicas, polo sinxelo feito de existir. Semella solidario, mais o certo é que esta achega sae dun esforzo extra daqueles que traballan. E no capitalismo, en boa medida, daqueles que gañan salarios cada vez menores, con contratos precarios, realizando xornadas cada vez máis longas e cunha maior intensidade. Por se non abondase, as grandes empresas e fortunas e os altos cargos directivos pagan cada vez menos impostos. Neste escenario, e con esta correlación de forzas, resulta evidente que calquera renda mínima sairá dunha maior presión fiscal e explotación da clase traballadora. Non é casual que moitos empresarios, por exemplo os de Silicon Valley, apoien esta iniciativa. Mesmo hai quen teoriza sobre que esta alternativa permitiría eliminar as prestacións sociais básicas, que serían pagadas individualmente, e polo tanto convertidas nun novo nicho de negocio privado. 

Deberíanse ter moi en conta as condicións especificas para este tipo de achegas, pra que exista un trato equiparábel. Se non for así, tanto pode ser unha lotaría, como un insuficiente chisco de aire pra quen se está afogando. As situacións radicalmente distintas deben ser tratadas como tales. Máxime nun contexto económico tan duro e complexo, e á vez tan permisivo coa corrupción, a fraude fiscal, o traballo en negro, e cun guión onde se pon en segundo plano quen ten vontade de traballar ou quen procura vivir do esforzo dos demais. Semella ser así cando afecta aos cartos públicos, mais utilízase a navalla cando se trata da empresa privada, dos intereses persoais. En resumo, en relación ao traballo, a contribución á sociedade, os simplismos non axudan. Mesmo poden dar un resultado contrario ao que se pretendía. A solidariedade non pode ser oposta á xustiza.

Semella máis razoábel e xusto que se reduza a xornada laboral. Por exemplo, a 35 ou 32 horas semanais. Que se eliminen os contratos temporais, e que o salario mínimo aumente a 1.000 euros. Así crearíase novo emprego. Ademais contribuiría a un reparto solidario do esforzo realizado, e favorecería a conciliación da vida laboral e familiar. E se aínda así ficaran persoas sen emprego, estas deben ter garantida unha prestación económica suficiente a cambio de traballo social e formación. Este sería un trato igualitario e solidario pra todos e todas, poñendo o benestar colectivo por riba das malas xogadas da vida e dun sistema que prima a explotación e a opresión. Non axuda  á cohesión social, que uns traballen 10 horas ao día por 900 euros e outros non fagan ren por 400 euros. Evidentemente tamén deben existir axudas económicas, sen ningunha contrapartida, pra homes e mulleres que pola súa idade ou condición non poden realizar unha actividade laboral ou só poden facelo parcialmente. 

Malia os avances científico-técnicos e a robotización, non se substituíu o ser humano. Todo o contrario. Incorporouse masivamente a muller ao traballo remunerado, como era de xustiza. E mesmo así, a xornada laboral da maioría da clase traballadora non deixa de aumentar e de se degradaren os salarios. A chave está no reparto xusto do traballo e da riqueza producida.  

Te puede interesar