Opinión

Terá Rajoy un plano B?

Se cadra Rajoy só pretende albiscar a resposta política e social diante dunha proposta tan atrevida, mudando o Partido Popular as regras de xogo a poucos meses das eleicións. Esas mesmas regras que considera sagradas cando, por exemplo, se trata do dereito de autodeterminación das nacionalidades históricas. só se podería entender unha reforma deste tipo como unha decisión desesperada pra manter o poder institucional nos concellos. Agora ben, resulta evidente que terán en contra todos os demais partidos políticos, dende os máis grandes ate os máis pequenos, dende a esquerda ate a dereita. asemade é unha medida que non é doado vender socialmente, xa que restrinxe a pluralidade política e non respecta o sentido das votacións. Mesmo podería governar nun municipio unha forza con menos do 40% de apoios, e polo tanto contra a opinión do 60% ou máis dos que exerceron o voto.

Aínda que cómpre melloralo, o sistema actual é máis lóxico e democrático, e permite que forzas afíns mediante pactos garantan pra lexislatura a maioría de concelleiros/as e apoios. deste xeito conséguese moita máis lexitimidade e estabilidade, que premiando artificiosamente a primeira minoría, que non por iso deixará de selo. Non se pode esquecer que esta reforma interesada, xa que favorece ao partido do governo, nacerá carente de consenso, algo esencial cando se fala das regras de xogo. tampouco se pode obviar que neste intre todas as enquisas reflicten que o pp perdeu boa parte do respaldo social, polo que teme un trancazo nas municipais. Se as institucións fosen unha foto do estado de ánimo da xente, carecería de maioría no Congreso pra aprobar esta reforma.

Este cambio nas regras de xogo ten a mesma filosofía que a rebaixa do número de deputados/as autonómicos aprobada en Castela a Mancha, e promovido na galiza por núñez Feijóo. En ambos os casos esmágase mediante normas e correccións aritméticas a pluralidade política expresada nas urnas; faise en beneficio dos conservadores, do bipartidismo, do neoliberalismo. se a iso engadimos, que os partidos sistémicos prometen o contrario do que despois fan, enténdese o afastamento dunha parte da povoación dos procesos electorais e da política en xeral. e todo parece indicar que se alenta, malia que pra fóra se diga o contrario, que a participación eleitoral se reduza aos satisfeitos coa situación. Semella que se quere manter con amaños, lixándoo todo, e con fume e burbullas, o que se está a perder por mor das medidas regresivas económicas e laborais, sociais e culturais, que deixan unha manchea de pobreza e desigualdade.

A proposta amosa que o governo non confía en que se consolide a mellora da economía, e poda manter durante o vindeiro ano o discurso triunfalista. as tensións con rusia, os conflitos en Ucraína e Oriente Medio, o menor medre dos BriCs, van afectar ás economías da Ue, e directamente e por efecto dominó ao estado español. O recuar das exportacións así o parecen confirmar. No caso concreto de Galiza, ademais súmase a caída da produción industrial. A este panorama complexo hai que engadir que a maioría da povoación non entende o discurso triunfalista de rajoy, Montoro, Feijóo, e compañía, xa que o emprego que se xera é sobre todo precario, con xornadas reducidas e baixos salarios. Ademais a diminución do desemprego débese en parte á emigración e, a este ritmo, demoraríase décadas en volver a taxas de paro semellantes ás de antes do axuste (crise). Ou sexa, en resumo, se o discurso non lle funciona ao pp como quixera estaría disposto a acudir ao plano B. Consistiría en amañar mediante retoques técnicos os resultados das vindeiras eleicións, pra manter así o poder nos concellos, para usalos como panca en futuros procesos. É unha hipótese críbel. atreveranse?... permitirano os partidos e o povo?

Te puede interesar