Opinión

Todas e todos a prol da lingua galega

O vindeiro 13 de decembro, cúmprense tres décadas da masiva manifestación a prol da lingua galega, realizada durante o governo tripartito na Xunta (PSOE, CG e PNG). Nesta convocatoria acadouse un grao de unidade política e social que non se volveu repetir posteriormente. Mobilizáronse en Compostela sobre 20 a 25 mil persoas, segundo os organizadores. Foran convocadas pola Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e sindicatos de traballadores/as e estudantís (CXTG, INTG, CCOO,  CNT, CAF, Sindicato de Estudantes, etc). Contou tamén co apoio do PSG-EG, BNG, PCG e mesmo de persoeiros de Coalición Popular, do PSOE e do PNG. Adheriron rente de 50 corporacións municipais. A MNL convidara ao Governo galego a encabezar a manifestación. O semanario A Nosa Terra destacaba que só faltaban Coalición Galega (CG), e García Sabell, que era o delegado do Governo central (presidido por Felipe González, PSOE). 

A protesta tiña como obxectivo manifestar á oposición do povo galego á pretensión do Governo central de levar ao Tribunal Constitucional varios aspectos da orde da Xunta de Galiza, relacionados coa normalización lingüística no ensino. Esta orde fora promulgada durante a presidencia de Fernández Albor (CP) na Xunta, quen estaba na pancarta de cabeceira da mobilización. Pra MNL, a orde en cuestión, avaliábase como limitada, mais era considerada un paso adiante, ao indicar que se impartisen en galego as Ciencias Sociais en EXB, e no bacharelato, dúas materias ademais de lingua. A MNL consideraba inadmisíbel a intromisión do Governo central nun tema que afectaba ao conxunto dos cidadáns do noso País, e que debía ser a Xunta de Galiza quen respondese con máis enerxía.  

No comunicado lido ao final, na praza da Quintana, as organizacións convocantes rexeitaban: “o requirimento do Governo central polo que se pretendía anular a orde do 31 de agosto que incorpora o galego como lingua vehicular pra algunhas asinaturas do ensino”. Destacaban “o dereito irrenunciábel ao uso do galego nas aulas, de cara á plena galeguización do ensino e á normalización do idioma no País”. Bieito Iglesias, en nome da MNL, dirixiuse ás persoas presentes con verbas que aínda hoxe seguen a ter valor: “defender o uso xeral do galego en todos os ámbitos incluído o urbano (...) non hai dereitos conculcados aos castelán-falantes, a lei é prudente, cautelosa e mesmo tímida (...) Non temos un conceito patrimonial, nen de grupo, sobre o idioma, e aplaudimos a aqueles/as que se incorporan á galeguización”. 

Cando se valora a situación do noso idioma, non se pode obviar que foi perseguido e discriminado durante séculos, e que se fixo dende o poder un esforzo especial pra unir a lingua galega co atraso e un atranco pra o ascenso social, no imaxinario colectivo. E malia que se afirme, que tanto a lingua propia como o castelán teñen idénticas oportunidades, na práctica cotiá, os medios, as empresas, a igrexa e todos os aspectos da vida pública impoñen o castelán. A globalización axuda neste proceso. Nas institucións, o emprego do galego é ritual. Faise así realidade que a cultura dominante é a das clases hexemónicas, malia que estas sexan unha minoría.

Dende a Xunta, non se realizan os esforzos necesarios. É unha trapallada dicir que o seu recuar se debe a que as familias non o empregan. O realmente destacábel é que neste contexto exista un número tan importante de persoas que aínda o use, no cotiá ou circunstancialmente, nun ambiente tan hostil no ámbito económico e pouco interesado nos medios. Mais a maior responsabilidade está no Governo galego, xa que ano tras ano diminúe os recursos pra promoción da lingua propia do País. Actitude distinta á de hai trinta anos. Aínda non sendo daquela, de total compromiso nos partidos sistémicos, cando menos, había destacadas excepcións persoais. 

Te puede interesar