Opinión

Un Tratado contra a democracia

Xa analicei en varios artigos anteriores neste xornal, e volvo facelo pola importancia do tema, o Tratado de Libre Comercio e Investimentos (TTIP) entre os Estados Unidos e a Unión Europea, alertando do negativo impacto que tería sobre a economía galega, de se concretar a súa sinatura, tal como pretenden os lobbys empresariais. Alén da coñecida protesta de Francia, que esixía deixar á marxe o sector audiovisual, as negociacións estanse realizando no máis absoluto segredo, sen participación ningunha dos parlamentos, das organizacións sociais, e por suposto da povoación en xeral. Faise como se fose normal e ao mesmo tempo que os dirixentes da UE dan leccións de democracia a medio mundo. E isto é dunha enorme gravidade, tanto polas formas como polos contidos, xa que este Tratado vai incidir decisivamente no reparto da actividade produtiva e do emprego entre países. Será así, porque condiciona a capacidade dos estados para o control da calidade dos alimentos, as medidas ecolóxicas e estratéxicas, e coloca os investimentos de capital por riba da soberanía nacional. É un torpedo contra a vontade popular e un desenvolvemento autocentrado.

Que este acordo de libre comercio aposte por baleirar as institucións políticas de contido, non é unha novidade, xa que hoxe a Comisión Europea e unha morea de organismos internacionais, carentes de toda lexitimidade democrática, condicionan as decisións soberanas, en beneficio das grandes fortunas e corporacións. Agora ben, este acordo forma parte dun proxecto estratéxico, polo cal as potencias hexemónicas queren evitar un mundo cun reparto do poder e da riqueza entre un maior número de actores. Fan isto a costa dun aumento da desregulación laboral, da privatización des servizos básicos, da militarización das relacións internacionais, e da lei da selva nos intercambios comerciais.

No plano estritamente comercial, os intercambios da Galiza cos Estados Unidos non son hoxe significativos, porén como aconteceu noutros acordos de libre comercio semellantes, o crecemento posterior pode ser exponencial (véxase o caso de México e Colombia e as súas consecuencias, sobre o sector primario). Tampouco se pode ignorar que dos últimos trece anos, oito teñen un saldo negativo para o noso país, e que os USA son unha gran potencia agrícola e gandeira (moi subsidiada), posúen o monopolio das sementes (Monsanto), e son o maior exportador do mundo. Estes son sectores estratéxicos para Galiza, no ámbito económico e do emprego, e teñen unha relación directa co aspecto cultural e identitario.

Sería moi inocente pensar que, coa supresión de aranceis e a modificación das normativas internas, todo vai seguir coma hoxe. Un exemplo das fondas modificacións deste tipo de procesos de “abertura” foi a integración na Unión Europea, que afectou negativamente á actividade produtiva, á xeración de emprego, e á situación demográfica da Galiza. Neste caso o resultado pode ser aínda máis preocupante, xa que os estudos dos impulsores do TTIP dan un cativo medre da economía do 1% pra área da UE. Pola contra, son numerosos os analistas que consideran que non será así e terá un impacto negativo, tanto en termos económicos, como sociais, ecolóxicos, laborais e democráticos.

Dende as transnacionais estase impondo un dereito corporativo global que está por riba da soberanía das nacións, coa complicidade dos governos das potencias e dos partidos neoliberais. Así se ten demostrado coas demandas das empresas contra os estados, (unhas 300 contra 98 países), moitas delas por miles de millóns de dólares contra Ecuador, Alemaña ou Canada, ou no recente acoso dos fundos abutres contra a Arxentina. A forza e a riqueza imponse sobre a razón, a xustiza e a solidariedade,... o reino da barbarie preséntase disfrazado de modernidade.

Te puede interesar