Opinión

O tratado de Maastricht

Hai vinte cinco anos, un 7 de febreiro, asinábase en Maastricht nos Países Baixos o tratado fundacional da Unión Europea (UE), que entraría en vigor o 1 de novembro do seguinte ano. Ademais do tratado coa normativa acumulada, á que se engadía a política exterior e de seguridade común, e os asuntos de xustiza e interior, incluíase outro sobre o funcionamento da Comunidade Europea (CE). Este conxunto normativo era vinculante pra os estados membros como pra os de futura incorporación. Lembremos que este tratado sería modificado polos de Amsterdam (1997), Niza (2000), e Lisboa (2007). Mais sen dúbida, un paso decisivo foi a creación dunha zona con moeda única e un Banco Central Europeo, perdendo os estados que se integraron na eurozona o control da moeda como un elemento regulador da actividade económica.

O tempo amosou que o nacionalismo galego tiña razón cando cuestionou este tratado, como antes o fixera coa entrada no Mercado Común Europeo (1986), sinalando que ía afectar negativamente ao noso País e moi especialmente ao sector agro-gandeiro. As grandes mobilizacións de 1987, e especificamente a manifestación de cen mil persoas o 28 de febreiro de 1987 na Coruña, os paros agrarios do 30 e 31 de marzo, e a manifestación en Compostela do 14 de abril foron expresión inmediata do acertado deste prognóstico. 
O Tratado de Maastricht foi un paso máis no proceso de adaptación da economía galega ás necesidades dos centros de poder do Estado español e da Unión Europea. Nuns casos destruíndo aquelas actividades máis avanzadas, ou adaptándoas ás súas estratexias, e noutros dando pulo a empresas de enclave.  No Eixo, voceiro da INTG, de outubro de 1992, dicía a central sindical nacionalista: “Como parte do axuste non só se contemplan medidas económicas e monetarias, senón aquelas que como a Lei de Seguridade Cidadán ou o Proxecto de Lei de Folga, pretenden atarlle as mans á reivindicación laboral e social”. Tamén foi consecuencia deste Tratado a modificación da Lei de Desemprego, reducindo as contías económicas, o período de percepción do paro e o aumento dos requisitos.

Se analizamos a evolución dos valores macro de Galiza desde a integración na UE, podemos tirar en conclusión que o noso país estancouse no atraso, non se aproveitaron axeitadamente as potencialidades en enerxía, forestais, agro-gandeiras, pesca, minerais, e unha man de obra capaz. Daquela representabamos o 0,4% do PIB (por capacidade de merca) dos doce estados que a constituían, e hoxe temos a mesma participación. Houbo un pequeno aumento da renda por persoa a costa da destrución do mundo rural e da emigración dos sectores con máis dificultades económicas. 

Este efecto negativo non foi semellante en todos os territorios do Estado español e en todas as clases sociais, xa que a integración na UE acentuou a centralización e a concentración do poder e da riqueza. O dado que mellor reflicte as consecuencias da integración pra Galiza é a evolución da povoación, que no ano 1987 representaba o 7,33% do total do Estado español (EE), e no ano 2016 o 5,83%.  No social, no ano 1987 as rendas do traballo, cun 48% de asalariados/as sobre o total de ocupados/as, representaba un 53% do PIB; no ano 2014 cun 78% da man de obra por conta allea, baixaron ao 45,14% do PIB. 

A Unión Europea carece de proxecto, está atada ao militarismo norteamericano e participando ou arroupándoo en todas as súas aventuras destrutivas, con tensións en todas as fronteiras, e apostando por un modelo económico e social onde medra a desigualdade. A UE está en crise, como se comproba en Grecia, no triunfo do Brexit, e no ascenso da extrema dereita. Canto máis se tarde en dar por rematada esta experiencia, que naceu hipotecada pola cobiza do capital, máis dano causará, especialmente ao povo galego.

Te puede interesar