Opinión

O trato da dependencia é só a punta do iceberg

Sen dúbida algunha, un dos grandes problemas das sociedades “avanzadas” é o das persoas maiores e dependentes. Unha responsabilidade que no noso país recae en boa medida na familia, e sobre todo nas mulleres. E isto significa en moitos casos unha hipoteca por anos, tanto do tempo de lecer como daquel necesario para manter relacións con persoas da súa mesma idade ou co resto da familia. Semella unha sobrecarga inxusta, ligada a situacións de idade, enfermidade, incapacidade e aos recursos económicos que posúan os/as directamente afectados e a familia. Na práctica, castíganse dobremente as clases populares. 

Un estudo sobre a cuestión, realizado pola Fundación Caser para la Dependencia, tomando como marco o conxunto da Unión Europea, indica que entre o 15-16% das persoas maiores de 65 anos son dependentes. Unha porcentaxe que se eleva ao 25-26% nos maiores de 75 anos. Unha cifra considerábel con consecuencias sociais e económicas, que se agravan en sociedades avellentadas, como é a nosa. Por todas estas razóns non é lóxico, nen xusto, que a solución destas problemáticas fique exclusivamente ou principalmente en mans das familias, de organizacións caritativas e de axudas públicas puntuais. 

As persoas maiores dependentes son un problema que precisa dunha atención específica e especial,  que se debe dotar dos recursos públicos necesarios. E neste aspecto, para alén da propaganda do Governo e da Xunta, o Estado español (EE) non cumpre os obxectivos mínimos. O estudo de Caser establece que o gasto por coidados de longa duración é do 0,7% do PIB no EE. Moi por debaixo do 3,5% que lle adican Suecia e Países Baixos. Mesmo un país cunha demografía e renda por persoa semellante á do Estado español, como é Italia, máis que dobra ese gasto, cun 1,7% do PIB. Daquela que no EE, só un 34% das persoas dependentes conten cunha atención profesional, mentres que en Suecia e os Países baixos a porcentaxe atinxe o 100% das/os dependentes. Se engadimos o feito de que hai anos que as pensións están a perder poder adquisitivo, igual que os salarios, o cadro  anuncia un agravamento da problemática no futuro.

Pola súa banda, os estudos indican unha gran diversidade no tipo de dependencias. así como que hai tres mulleres por cada home que ten algún tipo de discapacidade, unha proporción que baixa a dúas mulleres por cada home cando se trata de persoas que son dependentes. No ano 2017 había 666 mil persoas maiores de 65 anos na Galiza, dos que un 57,5% son mulleres. Este dado matiza as diferenzas entre xéneros en materia de discapacidades e dependencia, debido a que os homes teñen unha media de vida máis baixa. O importante é que a proporción de dependentes que viven sós ou carentes da compañía dunha persoa que os poida atender axeitadamente, é moi elevada. 

Os/as especialistas destacan que faltan residencias para atender todas as persoas dependentes e dotados dos/as profesionais necesarios. Tamén se dá un descoñecemento, especialmente nas áreas rurais, dos servizos socio-sanitarios existentes e dos recursos de axuda social específicos. Neste aspecto, estamos a anos-luz dos países do norte de Europa. A tramitación dunha dependencia tarda normalmente mais de 2 anos, algo preocupante. Das dependencias de nivel un, foron concedidas un 57,34% da solicitadas, e están pendentes 7.906. Os governos non poden gabarse dunha media de idade elevada, e despois non poñer os recursos (pensións, axudas, protección, etc.) necesarios pra que os anos de vellez se vivan o máis dignamente posíbel. Este é un debate necesario na sociedade. A cuestión é que tipo de sociedade queremos. Existe unha interdependencia entre o modelo económico, político, cultural e social, e as situacións máis extremas, como o das persoas dependentes. Son só a punta do iceberg.

Te puede interesar