Opinión

Trump reflicte a crise sistémica

Contra todo o esperado polas clases dominantes e aliados, Trump gañou as eleccións presidencias nos Estados Unidos, e ademais dispón da maioría en ambas cámaras. É un triunfo rotundo, difícil de dixerir pra esa minoría poderosa, que tiña secuestrada a vontade popular, sentíndose dona do futuro, e que apostaba por Hillary Clinton. A globalización neoliberal, ou sexa a centralización e concentración do poder e da riqueza a nivel mundial, atópase cun atranco importante que resta valor a unhas regras de xogo feitas en beneficio das multinacionais. Xa o Brexit e as dificultades en Siria  significaron serios chamados de atención.  


Non se pode ter certeza de que Trump cumpra a súa palabra de eliminar os tratados de libre comercio (que provocaron a perda 6 millóns de empregos industriais en Estados Unidos), ou de recuperar a lei “Glass-Steagall”, suprimida por Bill Clinton durante o seu mandato, e que separaba a banca comercial da de investimento, pra evitar a especulación da primeira na Bolsa. Outro tanto pasa coa promesa de procurar acordos con Rusia e outros países, superando a confrontación. Sen dúbida, son medidas pras que necesitará o apoio das cámaras e, malia ter maioría o Partido Republicano, todo dependerá do grao de complicidade coas grandes corporacións, e das decisións de Trump. 


Esta incerteza sobre o futuro, mesmo respecto da coherencia de Trump, constátase nas valoracións dos analistas e medios sistémicos que destacan, por unha banda, que de cumprírense as promesas, a economía entraría en recesión, e por outro lado, que o discurso de campaña electoral non é igual que a acción de Governo (recoñecendo que a mentira forma parte da historia dos partidos sistémicos). As declaracións de mandatarios/as como a alemá e o francés amosan abertamente desconcerto e desagrado, e lembran os compromisos de Washington coa expansión da globalización (tamén no plano militar). O certo é que se abre un período de incerteza, tanto a nivel político como económico. En calquera caso, a crise non virá por frear e reconducir o proceso de globalización, que aumentou exponencialmente a desigualdade social e territorial, senón pola especulación financeira e a flexibilidade cuantitativa que a alimenta. 
As enquisas fracasaron na predición. Se cadra porque se usan pra incidir na tendencia do voto, como denuncian moitos analistas e partidos anti-sistémicos. Aínda así, daban un dato sumamente importante: a maioría do electorado rexeitaba ambos candidatos. Polo que resulta evidente que gañou o que a xente consideraba menos malo. Ou sexa,  aquel que consideraban máis afastado do establishment, ao que culpan de converter en fume o relato electoral, ignorando a perda de emprego, a rebaixa de salarios, o aumento da desigualdade, a violencia, o deterioro das infraestruturas e servizos públicos, etc. Este é un dos aspectos máis significativos dos resultados. O outro é a fonda división existente na sociedade norteamericana, e noutros países centrais do sistema e a periferia máis próxima, entre sectores que por razóns económicas, de perspectivas de futuro, ou identitarias, apostan pola globalización, e aqueles que consideran un ámbito máis favorábel e seguro o fortalecemento do marco nacional. 


Todo fai pensar que o triunfo de Trump terá consecuencias negativas pra os dereitos individuais, mais pode que positivas no referente a evitar unha confrontación nuclear e conseguir certa distensión en zonas de conflito, como Siria-Iraq e Ucraína. Lembremos as declaracións do novo presidente encol do tema, en contraste coa actitude belicista de Hillary Clinton e os seus compromisos coas retrógradas monarquías do Golfo. En fin, a crise do sistema serviulle de panca á dereita-populista. Por que non a aproveitou a esquerda, como sería o lóxico?

Te puede interesar