Opinión

A Unión Europea e as súas contradicións

As dúas cabezas da Unión Europea andan revoltas. Alemaña, que é a maior economía da UE, xa que ten un PIB de nada menos que 3,263 mil millóns de euros en 2017 (3,934 PPA 2016), conseguiu, despois de moitos atrancos, formar un governo favorábel aos intereses do capital. Mais faino sacrificando o bipartidismo sistémico, que tanto axudou á dar aires de pluralidade a unha democracia formal. O novo governo de Merkel é máis feble que o anterior. 

Por outro lado, ao decidir o Reino Unido deixar a UE, Francia fortaleceuse como o socio imprescindíbel para Alemaña. Neste papel sempre lle axudou ser un dos países que constituíron a Unión, o mérito da Revolución Francesa, e a loita contra o nazismo. Porén, (como ignoralo?), que fose tamén un estado con incidencia imperialista, especialmente en África, así como contar con armamento nuclear, un servizo secreto eficiente, e un PIB que en 2017 atinxía os 2,287 mil millóns de euros (2,833 PPA).

Mais neste conxuntura, a cuestión é que, malia o discurso triunfalista de Macron, as reformas neoliberais que acompañan o seu governo, son contestadas por unha clase traballadora cunha longa tradición de loita, aínda que hoxe non teña a forza de hai unhas décadas. O que engade conflitividade social e política en Francia e inestabilidade política a Alemaña. 

No caso concreto de Francia, o “contrato social” forxado logo da Segunda Guerra Mundial semella definitivamente roto. Un paso decisivo neste sentido foi a Lei do Traballo de Hollande en 2016, amplamente contestada pola clase traballadora francesa. Seguiulle a reforma laboral de Macron de 2017, que incide especialmente nos despedimentos inxustificados, reducindo as contías da indemnización a 20 meses como máximo. Ademais, alenta a negociación das condicións laborais no ámbito da empresa en detrimento dos convenios de ámbito superior.

Este ano, sumáronselle novas medidas regresivas que afectan aos funcionarios, xa que se pretende suprimir 120.000 empregos, e a privatización dos ferrocarrís. Daquela as folgas en ambos os sectores e as máis de 150 manifestacións en todo o país. Unha protesta laboral que todo indica se manterá no tempo, e que non lle será doado esmagar ao governo francés. 

Todo reflicte que Macron quere seguir o camiño de Alemaña, que rebaixou nas últimas décadas salarios e prestacións sociais. Mais a súa situación é distinta. Alemaña sae fortalecida da crise. A súa economía pasa de representar na eurozona o 26,96% do PIB en 2018 ao 29,2% no ano 2017, unha vez superada a crise, mentres que Francia retrocede do 21% ao 20,48%. Non é un recuar significativo en aparencia, mais reflicte con toda claridade que perde peso na dirección da UE.

Hai que situar neste contexto as duras medidas que busca impoñer o gran capital francés, por medio de Macron, pra gañar, mediante unha redución salarial drástica, as privatizacións e a diminución de prestacións públicas, o que perdeu pola aposta globalizadora e neoliberal. A desigualdade medrará, a democracia será unha formalidade.

Que as dúas referencias máis importantes da UE afronten un futuro incerto non é un aspecto menor, especialmente se engadimos a situación política en Italia e no Estado español, así como as repercusións do brexit e a actitude dos países da Europa central. Todo isto nun contexto moi complexo a nivel internacional, onde as políticas de Trump non deixan de axitar e confrontar.

A gran burguesía norteamericana, ou cando menos a súa fracción dominante, pretende gañar a batalla pola hexemonía a través da ameaza e da agresión o que o seu país xa non pode obter mediante a competencia económica, a innovación tecnolóxica, e o esforzo laboral. E todo amosa que a UE carece de alternativa propia. A pregunta é, se realmente algunha vez a tivo?

Te puede interesar