Opinión

A UPG cumpriu 
medio século

Opasado 25 de xullo, Día da Patria Galega, cumpríronse 50 anos do nacemento dun dos partidos políticos que tivo (e segue a ter) maior incidencia na actividade política, social e no eido das ideas da Galiza: a Unión do Povo Galego (UPG). Os xermes son anteriores. Hai que procuralos no Consello da Mocidade Galega (CMG), de corta vida, e que non xermolou, tanto pola existencia de dúas liñas contrapostas, (unha que bebía na socialdemocracia europea e no reformismo, e outra próxima aos movementos de liberación nacional e social do chamado Terceiro Mundo), como pola inxerencia do piñeirismo, que pretendía reducir a cuestión nacional á reivindicación cultural e pouco máis. Tamén xogou o seu papel no nacemento da UPG a emigración organizada, nomeadamente Lois Soto ligado a Vieiros en México e o Consello de Galiza afincado en Bos Aires, que enviara a Antón Moreda pra ligar coa mocidade galega e que foi esencial no artellamento do CMG.

Dende o seu nacemento, a UPG fixo un importante esforzo na divulgación da historia, cultura e lingua nacional de Galiza, mais tamén en todo o referido aos dereitos democráticos, negados pola ditadura, ás reivindicacións sociais das clases populares, e á eliminación dos atrancos que impedían o desenvolvemento da economía do país. En concreto, destaca a súa participación apoiando os labregos/as expropiados pola construción da presa de Castrelo do Miño no ano 1966, no conflito estudantil de 1968 en Compostela, e nas folgas xerais de 1972.

Desta etapa ven a miña integración na UPG. Concretamente en 1968 fago o primeiro contacto na emigración cun dos fillos de Isaac Díaz Pardo, por casualidade, nun acto na Federación de Sociedades Galegas. Daquela xa estaba participando da Irmandade Galega de Bos Aires, aínda que a miña militancia non sería nunca totalmente efectiva na UPG ate o retorno a Galiza no ano 1972, como consecuencia das folgas xerais dese ano, especialmente da que se desenvolveu na cidade de Vigo e a comarca, durante dúas semanas en setembro, abranguendo a toda a industria, construción e o estudantado. Estiven ligado a este partido durante máis de 30 anos, deixeino por última vez no ano 2006, crítico cunha práctica en estremo institucional, e cada vez menos asentada na loita social, no papel central da clase obreira, e na acumulación de forzas pra o proxecto de liberación nacional. Mais, o certo é que a UPG foi quen de realizar unha reflexión crítica, e ser peza fundamental na Asemblea de Amio pra recuperar o rumbo, superando unha etapa iniciada por Beiras e continuada por Quintana, cuxos efectos negativos aínda está pagando o BNG.

Coido que as decisións que tome a UPG teñen importancia pra Galiza e especialmente pra o nacionalismo, malia que hoxe existan outras referencias políticas en ascenso neste ámbito político-ideolóxico. É unha forza moi ligada aos movementos sociais, cun peso evidente no eido laboral, e a concellos nos que a xestión que se realiza é un exemplo. É un partido que se reivindica como comunista patriótico, co que isto significa nun momento histórico no que o reformismo amosouse como vía morta, e o capitalismo fica nunha crise que pretende solucionar pola vía das armas, a especulación e a economía delituosa. Dende a súa orixe a UPG reivindicou a soberanía pra Galiza e defendeu unha economía mixta, onde os sectores estratéxicos fosen públicos, o cooperativismo tivese un papel destacábel, e a economía privada ocupase o seu espazo. Fixo súa a caracterización colonial de Antolín Faraldo e dos países dependentes. Defendeu a democracia popular, ou sexa a participación e protagonismo do povo nos mecanismos de poder.

O reto pra este partido está agora, en se ten folgos pra manter os principios e a entrega militante, e sobre todo, se posúe o atrevemento necesario pra mudar a realidade.

Te puede interesar