Visións estreitas, e interesadas

Visións estreitas, e interesadas

A Xunta bota peito destacando que Galiza cumpre como un alumno avantaxado todos os límites impostos polo Governo central. Unha actitude que choca coa doutras nacionalidades e autonomías, como Cataluña, Euskadi, Valencia, e suma e sigue, que ademais buscan dinamizar moito máis a súa economía re-negociando maiores transferencias ou/e anulando débedas. O medre do PIB e do emprego no noso país están por debaixo da media, e os salarios non recuperaron a capacidade de merca de antes do duro axuste, que encetou hai unha década. 

Os dados de facenda do 2017, un ano cun incremento do PIB do 3,1% na Galiza, amosan como os resultados fiscais contradín os aparentes beneficios das políticas da Xunta. Concretamente, os ingresos por IRPF aumentan nun 6,8%, mentres que os do IVE caen no -4,5% e o de sociedades no -5,2%. Ou sexa, máis descontos sobre os salarios e maiores beneficios pra o capital. Unha tendencia impositiva igual á que se dá dentro das empresas na distribución dos ingresos. É evidente que as cousas non se están facendo ben, tanto no relativo á lexislación e normas vixentes, respecto da contratación, da negociación dos convenios e das pensións, como en relación coa presión fiscal. 

Ficamos nunha sociedade desigual, con máis do 60% dos habitantes padecendo diversas formas de precariedade; polo que non dan chegado a final de mes e teñen o futuro hipotecado. Como reflicte con toda dureza a emigración da mocidade, a caída da povoación e a desfeita do rural. Neste sentido son reveladoras as afirmacións de Samir Amin, economista exipcio (falecido este mes), respecto de que estamos na etapa do “capitalismo senil”. Un sistema cada vez máis agresivo, en todos os sentidos e ámbitos, e que ve a violencia como último recurso pra se perpetuar, consciente da súa temporalidade. Tamén alertounos este intelectual dos atrancos e eivas prás clases populares cando  un país cumpre un papel subalterno na cadea de valor, como consecuencia das hipotecas orixinadas pola falta de soberanía.  

Nesta conxuntura, respecto das condicións laborais, o sociólogo mexicano Adrián Sotelo Valencia, dinos: “Contrariamente a quen ve na precariedade unha característica que só opera en certos segmentos do mundo do traballo, particularmente nos máis desamparados que non contan con dereitos nen con contratos fixos, moitos autores sosteñen que a precarización é cada vez máis unha dimensión global do mundo do traballo que afecta por igual, aínda que de xeito diferenciado, a todas as categorías profesionais e laborais independentemente das remuneracións e as características dos contratos colectivos e individuais de traballo”. Agora ben, todo amosa que este modo de axer non é exclusivo do mundo do traballo, dada a súa centralidade, polo que se esténdense progresivamente a todas as formas de produción e relacións humanas.

Daquela que, en non poucas ocasións os dados macro económicos, como o medre do PIB, das exportacións, do consumo, e do emprego, non son expoñentes da realidade. Algo que debería saber a Xunta. Por exemplo, a importancia da exportación téxtil non se corresponde coa produción galega. Ademais, a exportación de capitais supera en moito a entrada, mentres que unha parte significativa das empresas punteiras pasaron a mans foráneas. E, malia que o PIB superou o de antes da crise, o emprego é inferior, mesmo dobrándose os contratos a tempo parcial. Un comportamento este último pouco entendíbel, tendo en consideración que o crecemento centrouse nos servizos, se non se contabilizan a morea de horas en negro. En resumo: a situación dun país non se pode valorar exclusivamente con estatísticas sobre o PIB, o emprego nominal, as exportacións e o equilibrio orzamentario. Hai que ter unha visión máis ampla e centrada na vida do povo.