Opinión

A voltas co voto emigrante

O tema do voto dos residentes ausentes volve estar de actualidade. Fálase mesmo de reformar a lei, eliminando o voto rogado, e de permitir a votación telemática. Falamos dun asunto que afecta directamente a medio millón de persoas, que na Galiza poden exercer hoxe este dereito nas eleccións europeas, xerais e autonómicas. Chama a atención que só se trate daqueles que viven fóra do Estado español, habendo en troques 400.000 emigrantes galegos que residen noutras autonomías e nacionalidades que non poden exercer o voto nas eleccións galegas. Sen dúbida, é unha dobre vara de medir, e carece de lóxica, máxime cando os/as que viven noutras partes do Estado teñen maior relación e máis información do que acontece na Galiza, ademais dos que residen no norte Portugal.

Ademais, dáse o paradoxo de que a inmensa maioría dos inscritos no CERA (Censo de Residentes Ausentes) son persoas que naceron no exterior, ou sexa fillos/as ou netos/as, que na maioría dos casos non teñen ningunha relación con Galiza, a non ser a afectiva. A inmensa maioría, por non dicir a totalidade, séntense arxentinos, brasileiros, alemáns ou suízos, traballan e votan neses países. Adquiriron a nacionalidade por se algunha vez se visen forzados a marchar ao exterior. A emigración galega fóra do Estado español suma hoxe 156 mil persoas das que 97 mil residen en América Latina, moi lonxe dos 1.200.000 que vivían na década dos sesenta do século XX.

Resulta evidente que se confunde nacionalidade e emigración con cidadanía. Non se pode dicir que o uruguaio ou senegalés que residiu na Galiza, que adquiriu a cidadanía, e que retornou á súa nación ou marchou a outra, sexa un emigrante galego. Por outra banda, tampouco é igual a ligazón co país, daquel que emigra por uns anos que a daquel que leva décadas. Non estou a falar dos sentimentos, da morriña, senón de como lle van afectar as decisións que se tomen en función do exercicio do voto. Semella razoábel que se faga esa distinción, e que tanto pra acceder á cidadanía un inmigrante (o 13,1% da povoación non naceu no país), como pra exercitar o voto no exterior, se teña en conta o tempo, a integración. Cinco anos, tres anos?... Non é unha cuestión secundaria porque en ambos os casos falamos dunha parte considerábel do censo electoral, que ten consecuencias económicas, mais tamén culturais, e que pode modificar a composición do Parlamento e da Xunta de Galiza.

En todo caso, adquirir no exterior a cidadanía non ten por que implicar automaticamente o dereito ao voto, como non garante outros que si teñen os residentes, como servizos e prestacións públicas esenciais. En todo caso, si debería garantilos dende o primeiro día en caso de retornar ou entrar como inmigrante. Asemade ¿por que unha persoa pode votar na Arxentina ou Alemaña, e facelo tamén aquí? Sería un dobre dereito, que non posúen os que viven no país. Hai estados como Italia e Portugal onde os emigrantes elixen representantes propios no Parlamento. Pode ser unha opción a debater. Tamén importa moito aclarar os conceitos de emigrante e cidadanía. Ademais, cómpre asegurar que o voto se exercita con todas as garantías por parte das persoas con dereito, o que implica información sobre todas as opcións, e a comprobación de quen exerce o voto.

Existe interese por parte dalgúns partidos sistémicos, con moito apoio mediático, pra relaxar as garantías do voto exterior, xa que teñen neste espazo un celeiro considerábel, mais que se reduciu moito coa esixencia do voto rogado. Todo fai pensar que Galiza seguirá perdendo povoación e a medrar o voto potencial dos residentes ausentes, polo que o control debe ser cando menos igual que o existente no país, e o acceso ao exercicio deste dereito, semellante. Este é un debate de dereitos e deberes, individuais e colectivos.

Te puede interesar