Opinión

Volve a mobilización?

Non me refiro ás moitas mobilizacións que se realizan en resposta a diversos problemas. Na Galiza, producíronse no ano 2015 un total de 3.524 actos de protesta, dos que 1.500 foron en defensa do emprego. Quero poñer o foco naquelas accións que reivindican medidas máis transversais e estratéxicas, que atinxen a toda clase traballadora ou a cuestións que afectan a amplas camadas populares. É certo que entre as primeiras, hainas que xuntan poucas persoas, xa que están centradas en problemas específicos. Porén, outras reúnen milleiros. Por exemplo, as marchas que contestan o despedimento de 205 operarias/os en Extel. Unha empresa de telemarketing da Coruña que quere deslocalizar gran parte da actividade. Estas protestas (e paros) son básicas, porque son alicerce de mobilizacións máis masivas e con propostas económicas, sociais, culturais e democráticas, que condicionan aspectos xerais, de modelo e mesmo de sistema.

Estas últimas son de dous tipos. Aquelas que teñen unha finalidade conmemorativa e reivindicativa, nas que participan as persoas máis ligadas a un proxecto social ou nacional, como a do Día da Muller Traballadora (8 de marzo), da Clase Obreira Galega (10 de marzo), do 1º de Maio, do Día das Letras Galegas (17 de maio) e do Día da Patria Galega (25 de xullo). E por outra banda, as que abranguen sectores máis amplos da povoación, tanto as que teñen como obxectivo dar unha resposta puntual, como aquelas que forman parte dunha campaña alargada no tempo, que cuestionan tanto o Governo como o sistema económico-social. 

Entre estas están as manifestacións que se fixeron este fin de semana contra os tratados de libre comercio, regresivos pras condicións laborais, pra calidade alimentaria e os ecosistemas. Foron convocadas co gallo da posíbel sinatura este mes do acordo entre a UE e Canadá (CETA), o cabalo de troia de pactos futuros como o TTIP e o TISA. É lóxico que esta sexa unha protesta puntual, xa que as negociacións son segredas, duran anos, e os estados agochan as súas responsabilidades, deixando os pactos en mans da Comisión da UE. Estas cuestións aféctannos, mais non son tan evidentes como aquelas coas que batemos na vida cotiá, como o retroceso nas condicións laborais, nos servizos e prestacións sociais, na distribución da presión fiscal, na defensa da cultura e lingua galega, e nos dereitos democráticos, tanto individuais como colectivos. 

En relación con estes graves problemas, se a mobilización non se mantén no tempo, mingua moito a súa eficacia, pra ser tida en consideración polo Governo, Xunta, etc. Mais tamén perde incidencia social, xa que se olla máis como un pataleo que como unha proposta feita pra vencer, pra ser tida en conta. Daquela que sexan esenciais as campañas sistemáticas por parte das centrais sindicais, dos partidos políticos, das organizacións sociais. As veces semella que hai falla de confianza no povo ou que se impuxo a resposta burocrática, apostándoo todo ao voto. Como se poden facer grandes cambios sen povo organizado e mobilizado, tendo en consideración o inmenso poder das grandes corporacións e fortunas? Coido que fai falla unha reflexión sobre estes aspectos, tanto por parte dos partidos políticos de esquerda, tamén dos nacionalistas, como dos sindicatos e organizacións sociais. 

Neste aspecto, é positivo que a CIG realizase en Vigo o pasado mes unha manifestación pedindo Emprego Digno na Nosa Terra (contra as reformas laborais, a Lei mordaza, etc). Tamén que esta central sindical fixese un acto e manifestación en Compostela o 11 deste mes, con delegados/as de todo o país, contra a deslocalización da negociación colectiva fóra da Galiza. A central nacionalista amosa iniciativa. Semella que volve a mobilización estratéxica de masas... Que farán os outros sindicatos?

Te puede interesar