Opinión

Washington matando arelas de liberdade

Aínda lembro como se fose hoxe a xenreira coa que viviu a América Latina o desembarco o 28 de abril de 1965, hai medio século, de 30.000 marines norteamericanos na República Dominicana, coa finalidade de esmagar o proceso revolucionario iniciado días antes polo coronel Francisco Caamaño Deñó. Daquela, eu vivía en Bos Aires, onde emigrei cos meus pais de cativo, e estaba a facer o último ano dos estudos de técnico electromecánico. A noticia escoiteina no barrio de Floresta, cando agardaba o “colectivo” (o bus), por un comentario despectivo que fixeron varias persoas contra o imperio do norte “que máis unha vez volvía impoñer a súa lei aos máis débiles”.

Uns dados previos. O país tiña 3.319.000 habitantes e a capital, Santo Domingo, 420.000. Os Estados Unidos tiñan unha povoación de 196 millóns de persoas. O PIB da R. Dominicana era de 960 millóns de dólares e o dos Estados Unidos de 688.600 millóns, unhas setecentas veces superior. O que indica a desproporción entre ambos países.

No intre da invasión, na República Dominicana existía unha fenda no exército, entre un sector continuador da traxectoria da ditadura de Trujillo (morto en 1961) e do seu continuador Balaguer, e outro sector constitucionalista, representado pola fracción máis nova. No ano 1963, un golpe do exército destituíu a Juan Bosch quen gañara as eleccións de 1962, asumindo o poder unha Xunta militar que Governou o país ate a insurrección do 25 de abril de 1965. Os rebeldes comandados por Caamaño e Angel Ramírez arman o povo, e apoiados por milleiros de civís rexeitan con éxito o avance dos tanques e forzas de elite de Elías Wessin y Wessin, que cada vez está nunha situación máis precaria. Neste contexto será cando interveñan, o día 28 de abril, os Estados Unidos, despois de ter evacuado nos días previos os 2.500 residentes norteamericanos.

Malia a intervención dunha potencia tan poderosa, a loita mantense, mentres que Washington vai aumentando a súa presenza militar, ate que decide asumir publicamente a tarefa de impedir o regreso ao poder do ex-presidente Bosch. O 7 de maio, a iniciativa dos Estados Unidos, formase unha Xunta cívico-militar presidida por Imbert Barrera, quen pide ao povo que entregue as armas. Porén, non devece o apoio a Caamaño, polo que o 13 de maio os avións norteamericanos bombardean as emisoras de radio controladas polos rebeldes. A batalla será especialmente forte nos barrios do norte da capital. A oposición soviética á invasión, e o apoio de Brasil, baixo un governo militar, reflicten os protagonistas do debate na ONU. Na procura dunha saída, Estados Unidos rectifica un chisco a súa postura, admitindo que “os revolucionarios non son comunistas”. Finalmente unha comisión da OEA propón a formación dun governo de coalición, e cede para que ocupe a presidencia Hector García Godoy, que fora membro do gabinete de Bosch.

O conflito causou milleiros de mortos e de feridos, especialmente entre os constitucionalistas, tanto entre os militares como entre os civís, e reviviu no continente etapas que se consideraban superadas. O nº.13 de “Transformaciones en la historia presente” (Centro Editor de América Latina, Bos Aires) concluíra que: “A intervención deixou fondas feridas no país e no continente, onde a “doutrina Johnson” asimilase á vella política do big stick”.

Cómpre lembrar que pra República Dominicana dirixiuse emigración galega durante o franquismo, xa que ambas as ditaduras tiñan sintonía. O investigador Xurxo Martíz Crespo dinos que moitos marcharon dalí cara outros países da área, e que Caamaño Deñó, o principal protagonista da revolta, era descendente de galegos, e que galega era a principal espía de Trujillo en Venezuela: Julia Cerdeiros Ferreirós. O bo e o malo. Así é a historia.

Te puede interesar