Opinión

Xogando ao póker coa guerra nuclear

Malia o control polo governo sirio do sur do país non se pode dar por rematada a guerra. Gran parte da fronteira norte, unha franxa no leste, e as zonas de maior produción petroleira están controladas por forzas rebeldes co apoio directo ou indirecto do exército turco, nun caso, e dos Estados Unidos, Reino Unido e Francia, noutro. Aínda así, mesmo que Siria fique dividida de feito, a guerra foi gañada por Assad, contra todo prognostico ao encetar. 

A cuestión de fondo, prás potencias hexemónicas é que, malia súa intervención no conflito, non foron quen de impoñer a súa vontade. Tiveron capacidade pra destruír, como en Afganistán, Libia, Iemen e Iraq, mais foron incapaces de se consolidar sobre o terreo, non amosaron vontade de reconstrución, polo que deixan países desfeitos. Un fracaso histórico. No caso concreto de Siria o apoio de Rusia, Iran, Hezbolá, e outras forzas, implicou a derrota militar da “alianza internacional”, ou sexa: das potencias hexemónicas. Coa división pretenden salvar a súa imaxe, converter a derrota en empate. 

Os acontecementos en Siria e o Iemen non son secundarios, e cómpre analizalos como unha parte máis da confrontación entre os Estados Unidos e aliados, e as potencias emerxentes, polo reparto do mundo. Washington quere manter a toda costa a hexemonía, e Rusia e China conseguir un escenario multipolar. Ningunha das partes cuestiona a globalización neoliberal, nen o predominio das grandes potencias, aínda que as emerxentes por propia necesidade, e pra acumular máis forzas, esixen un maior respecto polas normas internacionais e a soberanía das nacións. Este é o seu maior atractivo.

Non é casual que sexan os Estados Unidos, e socios máis achegados, os que realicen intervencións militares, impoñan bloqueos e sancións, e que Washington tome a iniciativa na guerra comercial. Tampouco se pode ignorar que é esta potencia a que controla a rede, a información e cultura de masas, e que impuxo ao dólar como divisa de reserva e troque despois da Segunda Guerra Mundial. A deslocalización da industria a China e outras nacións asiáticas, a inmensa débeda exterior, e os fracasos militares, malia que representa case que a metade do gasto neste eido, reflicten as debilidades do imperialismo norteamericano (e seus socios). Unha evolución regresiva que Trump quere reverter con drásticos cambios nas regras de xogo, que tamén afectan aos seus aliados históricos.  

Que teña éxito Trump nesta estratexia é cada día máis complexo. O capitalismo aumenta día a día a súa voracidade, dando pulo á desigualdade, á precariedade, á violencia, a emigracións forzadas e a destrución dos ecosistemas. E ademais, son moi fortes as diverxencias sobre a vía a seguir, tanto coas principais potencias aliadas, como pola fractura existente no gran capital estadounidense. Entre a banca comercial e de investimento, as empresas da tecnoloxía e o complexo industrial militar, etc. 

Daquela que falemos de conxuntura. Xa que medran as contradicións no seo da Unión Europea e da OTAN, por exemplo con Turquía, e que exista un perigo tan grande de que se estenda a aposta militar, como se fixo en Siria, a outros territorios que se consideran estratéxicos pra manter a supremacía do imperio. Esta folla de ruta pode chegar a un punto que non teña retorno, como alerta James K. Galbraith nun artigo. Nese sentido resulta incomprensible, suicida, que se torpedee a reunión de Trump e Putin. Como se pra desprestixiar a un governante (de estrema dereita) todo valese, mesmo rexeitando aquelas accións que poden evitar tensións, e unha guerra nuclear. É evidente que Trump non vai dar ningún paso atrás na política de enfrontamento con Rusia, China e outros países que non aceptan a subordinación. A cuestión é: ate onde se leva a confrontación?

Te puede interesar