Opinión

Carta para os Reis Magos

Supoño que se acordan de min. Son a nena do can máis bonito, a que leva o moneco debaixo do brazo, a neta da que ten o postizo para facer o moño, a do avó que conta os contos de máis risa. A da casa azul. Xa saben, a de sempre.

Escríbolles, Maxestades, para que me traian so unha cousa. Quero unha bandeira branca. Si. Así cando discutan o papá e a mamá eu, sen dicir nin chío, levantarei a bandeira e pasarei entre eles. Seguro que o entenden enseguida porque eles son moi listos e deixaranse de lerias. Tamén farei o mesmo cando escoite falar en contra doutras razas, idiomas ou ideas. Cando lle chamen gordo ó Manoliño e antes de que poña o puño en alto para repartir labazadas… Quen me verá a min coa miña bandeira branca situarme entre os dous bandos e devolver a armonía para seguir xogando. Cando rifen as veciñas pola quenda no pescadeiro, cando piten na rúa por querer o mesmo sitio para aparcar. Cando o mestre non sexa comprensivo con Lucía, que non ten cartos para mercar outras gafas e non ve ben a pizarra. Cando veña o matachín matar a Milucho, o noso porquiño… seguro, Maxestades, que así sálvolle a vida pois ninguén vai ser quen de resistirse a unha nena seria, avanzando sen temor e convencida coa súa bandeira branca… Lévoo pensando hai moito tempo e creo que vai ser o mellor agasallo do mundo para mín. Cando vexa a xente maior mancarse con palabras bravas ou insultos; cando non lle saiban ver a chispa á vida, alegremente; cando maltraten ós animais ou os abandonen; cando queiran impoñer o desprezo e a sinrazón, xúrolles, Maxestades, que me poñerei seria, moi seria, firme, co corpo ben erguido e desfilarei como soldada da única patria verdadeira, a da paz que nos fai libres e da que todos temos que ser fieis devotos. Izareina ben alto e movereina sen parar coma se un vento archipoderoso viñera manexar a situación. Xa lles contarei o resultado. Seguro que o co efecto bolboreta remátanse as guerras…

Non me traian nada máis, máis nada quero. Tiña pensado pedir un colar novo para a gatiña pero o papá trouxo unha xouxa da feira e di a mamá que xa lle fai ela a cinta e o lazo a ganchillo. Grazas e feliz ano.

Te puede interesar