Opinión

Don Quixote devoto do mencía

Oh! leal Sancho, pensei eu que nestas celestiais terras da Ribeira Sacra nos iamos librar de entrar en máis combates pero non vai ser desta guisa, senon ó contrario, nobre escudeiro, vai ser mester enfundar ben o xelmo e protexer o máis posible as nosas cabalerías porque o sangue corre arriba e abaixo polos camiños, sinal de que nos agarda unha desventura cunha vil criatura.

-Pois esta xente de por aquí semella pacífica e xenerosa, que renegan de vivir entre loitas e desputas; pero élle ben certo, “a procesión vai por dentro” e “as aparencias enganan”.

-Sanguinario, Sancho, sanguinario é , desafiante e facineroso, o inimigo ó que debemos vencer. Buscar habemos raudos e veloces a quen fixo tanto dano.

-En menos que canta un galo, meu nobre fidalgo, hei averiguar quen fixo brotar este sangue. Nun suspiro volvo, máis rápido que as lebres, máis có vento, como o “fume do pensamento”…

-Deixar debes as prédicas, leal amigo, e parte xa na busca e captura de información que outra vez verá a xente xusta aplicar a xustiza e a boa restablecer a bondade. Bule, Sancho, bule!Que se vexo que tardas. Hei comezar eu só e sen tardanza esta fazaña.

-Xa fun e volvín, coma unha centella, e xa conseguín saber canto temos que saber, que como vuesa mercede di, sempre é bo, aínda que non sexa todo o que debemos saber, que a veces fai máis mal ca ben, pero saber o que non temos que saber tamén é saber…

-Sancho deixa ese credo para outro momento. Non ves que o tempo apremia? Dicirme has o nome do enemigo que xa estamos tardando en derrubar.

-Garnacha.

-O Cabaleiro Garnacha. Xa o nome indica a súa natureza descarnada e insumisa de feroz proceder. Vil Garnacha, tés os teus días contados! Prepara o rucio, Sancho.

-Detéñase , Don Quixote, que aínda lle vai pasar coma cos odres do libro ó confundir o viño co sangue. Garnacha é un tipo de uva que por onde vai deixa o seu sinal encarnado e esta xentiña anda facendo a vendima.

-Os encantadores queren unha vez máis confundirte, Sancho, e non ves o que é real e palpable.

-Desmonte do cabalo, deixe o xelmo e a lanza e sente aquí onda min que de paso que fun investigar quen era o cruel asasino, trouxen dous racimos de uva mencía que saben a gloria.

-Sancho, como ben dis é bo saber as cousas e compartir estes suculentos manxares, máis que nada pola hidratación.

-Claro que si, vuesa mercede, estes acios devólvenlle o brillo á súa pel, que con tanta batalla e combate semellaba unha uva… pero pasa.

-Ai, Sancho, o malvado Garnacha resultou ser Santa Mencía!

-Mesmo dá gusto velo comer, nesta doce liorta, e pingarlle o zume destas esencias sanadoras. Xa lle teño dito que “non hai mal que por ben non veña”.

-Sabio refrán, leal escudeiro. Sabio refrán.

-Incrible me parece , abofé, que acepte esta miña teima e abuso do refraneiro, Don Quixote. Bautizada sexa como “Santa Mencía” esta uva , si señor, pois o primeiro milagre xa o obrou con vuesa mercede.

Te puede interesar