Opinión

Don Quixote e Sancho van de magosto

Coido eu, Don Quixote, que me debería facer algún día vuesa mercede un exame para comprobar, hip!, se xa estou eu preparado para o nobre oficio de gobernar e ser digno embaixador da Insula que vuesa mercede me ten prometida. 


-Has estar á altura das circunstancias dos teus, amigo Sancho, pois serán eles os que velarán por que a soberbia non te faga o seu escravo, nin que a avaricia che rompa o saco, pois debes saber ti que a ignorancia é moi atrevida e xunto co poder forman un binomio moi perigoso. 


-Eu deso do “vino mio” non quero saber nada, hip!, mentres estea gobernando… que os cinco sentidos hanme ser poucos para tan distinguida proeza de mandar e conciliar ós meus súbditos, asi que… hip! mentres se traballa de viño… nada!


-Sancho, Sancho, ves o viño novo escrito nas paredes! Coma se non che chegaran os grolos que hoxe levas saboreado deste tinto elixir dos deuses. Así que aínda que sexa entre hip e hip!, repasa entón sen tardanza o discurso que eu che teño ensinado. 


-Alá vai, vuesa mercede, a ver se o digo ben: “Camiñemos, eu o primeiro, pola senda da castañización”.
-Desmemoriado te deixou, leal escudeiro, o morapio, como din os afiadores. “Constitución” era a palabra. 
-Eu ben lle sei o que digo, vuesa mercede, pero… cualidade dun bo gobernador é adaptarse ós tempos que corren, e xa sabe que estamos nos días do Magosto, e co arrecendo deste froito exquisito a miña memoria está xa escravizada polo meu primario proceder e cústame a oratoria do meu discurso inaugural. 


-Pois non ías mal, amigo Sancho, por non dicir que sería mester que continuaras este brillante comezo da túa prédica para entrar con bo pé nesta celebración do San Martiño, así que por primeira vez, hei darche os parabens, Sancho, por tan creativa misiva que nin o gran rei Fernando podería facelo mellor. 


-Ai, leal Don Quixote, xa me fai a boca auga cos tronos e cos reis e aínda non sei onde está no mapa o lugar que hei de presidir e que agarda impaciente o meu sabio consello de administrador. 


-O lugar físico que ocupa o teu territorio, Sancho, é o de menos . Máis fermosa é a ilusión que che produce este sitio fantástico que xa é imprescindible e real para ti. Estaste facendo un soñador a imaxe e semellanza deste fidalgo que te acompaña neste outono no que cabalgamos entre castiñeiros centenarios, árbores sagradas que escoitaron alianzas e coitas de amor como o que eu profeso pola sen par Dulcinea. Oh amada, o lume desta fogueira será o símbolo do noso amor encarnado e ardente, flameantes criaturas abrasadas pola paixón e o romantismo… 


-Creo, Don Quixote, que tamén vuesa mercede, hip! está sendo posuído polo espírito do sacro alimento que hoxe nos convoca. Que así como a min me inspira para falar coa oratoria dun gobernador , a vuesa mercede faino andar nos brazos da sensualidade e do amor apaixonado. Eu non sei se a min me foi eso do “binomio”, que me lembrou o viño novo, e a vuesa mercede as formas redondeadas destes troncos da fraga salvaxe… pero os dous imos sanmartiñados. 


-Leal Sancho, xa sabes o que din os cuánticos “non vemos as cousas como son, senon como somos”. 
-Agora xa entendo eu, hip! Con esta castaña que traio, vexo magostos por todas partes! Viva a castañización!

Te puede interesar