Opinión

O meu Don Víctor Campio Pereira

Bailaba a lúa crecente no ceo de Ourense latexando ó son dos versos de Victor Campio. Igual de romántica a noite, igual de triste e nostálxica, igual de anxelical que os protagonistas dos seus sonetos maxistrais. Don Victor xa está nos brazos de Isabel.

-Miña xoia -diralle- meu sacro menhir, canto esperei eu este intre, esta dozura nocturna, este candil dos teus ollos sen tempo nin esquecemento! Fun, por ti, meu amor, todo saudade!

Enterrado foi na terra o Día da súa Terra Galega, e o Apóstolo deixou a espada e ergueu a pluma para recibir no Campo de Estrelas das nosas Letras a este excelso poeta que a vida me entregou un día como profesor de lingua e literatura galega no Instituto das Lagoas. Este home a quen pronunciar a palabra Galicia facíalle centellear os ollos e tremer os labios, quizais porque sabía que fora un dos escollidos.

-Todo saudade, Isabel! Saudade daquel pai, daquela nai, daquelas fillas, daquel abril roubado a traizón cun bico de carambelo. Saudade daqueles tempos, daquel meu pobo que esperta entre a era dixital e as lembranzas do quinqué e a lareira. Saudade de quen acariña con frases inxenuas -coma de neno pequeno- pero con rotundo acento e suor de segador de Castela ou de home de mar, de emigrante adoecido pola ausencia e a perda, ou de tolo amante delirando de paixón. Saudade de todo o que é fermoso e bo, do que é útil e purificador, do que nos fai nobres e leais, do que nos vai durmindo paseniño e nos fai soñar… Saudade por todo o que arde vivo no ser humano e que quixemos tan profundamente.

Quería ser lembrado como o bondadoso ser que foi. Sementou nos alumnos a súa dozura, a súa humildade, esa poesía que expande a alma e que te leva nas ás do vento, sempre de volta a esa infancia que se nega a morrer. Grande, Don Victor, moi grande!

-Miña ruliña -diralle-, por fin xa estamos os dous neste lugar no que nun bico infinito se funde por sempre o amor e a eternidade.

Te puede interesar