Miñas, túas, súas... as letras galegas

Miñas, túas, súas... as letras galegas

Miñas, túas, súas… as letras. “Súas”: de quen queira vir a elas escoitádoas, léndoas, admirándoas. “Túas”, querido lector, cando as comprendes, as saboreas como se fora unha cata de queixos ou de cereixas, un viño afroitado que che deixa un aquel de selvático sentir. “Miñas” porque as respiro, porque son o latexo da emoción primixenia, o ensoñamento da primeira luz. 

“Nosas”, “vosas”. De todos. Pois gústanos compartir o que é fresco, grato, enxebre, xeitoso e verdadeiro. Gústanos notar na boca a palabra bonita e tenra, a sensual, a tímida e a decidida, a que leva a dozura do mel e o amargor da ensinanza inevitable. A que simplemente acompaña ou a que fai espertar un sorriso, unha retranca, un laio, un ensimismamento, un pensamento inxenuo, unha morriña…

As letras coas que -máis que sopa- facemos o noso caldo galego, neste pote ancestral que ferve a lume lento. Esta lingua, o tesouro que nos tocou por nacer galegos, de acento cantarín coa que conquistamos o mundo e sintonizamos as distintas cadencias da vida. 

Adornada queda cada vez que a boquiña dun neno fala a nosa lingua. Namorada brilla cando os mozos se comprometen con ela porque estudaron a súa historia e non queren que volvan séculos escuros. Unxida, cando o vello conta vellas aventuras que lle fan alumear os ollos coa bágoa da lembranza e da saudade. 

Miña lingua galega, fala da Terra Nai, que zarandeas co teu dicir o ritmo do noso pensamento, esa filosofía galaica tan sabia. A ti che canto, outra vez máis a golpe de pluma e corazón, porque en ti, fermosa fala dos meus antepasados, atopo sempre a amorosa e delicada rosa dos teus bicos de tinta e entusiasmo.