Opinión

Pregón con aturuxo para as nosas festas

Que veñan os nenos e as nenas, os mozos e os vellos, homes e mulleres. Que traian o can e o gato, o paxariño ou o peixe, pero que veñan xa porque a festa vai empezar. Bendigamos a vida que nos late nas veas que ela tamén  sabe bendicir a quen a festexa e celebra. Que como di o meu velliño preferido: “Estar contentos e alegres, miña nena, que é a cousa máis bonita”.

Empeza este pregón xoguetón que chega de alá, do máis profundo do mar e baña as nosas terras de interior e montaña. Este pregón que trae sabor a  nubes de caramelo porque está feito dos bicos dos nenos e das caricias das avoas, pois ninguén sabe acariñar coma elas. Este  pregón que chega do máis alá, onde moran os nosos antepasados e que agora nos miran con dozura e orgullo. Si, señor, seguímoslle sendo de boa raza, raza de valentes de botados para adiante, de comprometidos e salerosos. Aínda latexa en nós  o sangue quente que eles nos deixaron. Acordádesvos cando escachaban de risa coa cousa máis inxenua? Cando untaban aquel pan coa manteiga, como ulian aquelas mazás asadas na cociña de ferro,  aquel anaco de touciño, aqueles iscos, Acordádesvos como fervía o pote do caldo que parecía que fervía o mundo? Aqueles chourizos na berza , e o viño co mel,  aquelas papas, aquelas filloas… Pois de aí vimos nós,  deste mexunxe sagrado elaborado na nosa Ribeira Sagrada e cos máis sagrados elixires: os principios e valores cos que eles nos unxiron a alma. Tamén eles bailarán aquí connosco porque a troula séguelle gustando.  Este pregón nace da música,  esa auga bendita que nos purifica e nos fai conectar co máis grande que levamos dentro, esa sensualidade e romantismo, ese vai e ven que che dá un aire de diva e muiñeira, un mestizaxe entre zíngara e marquesa e te fai bailar sonámbula e meditativa en estado zen… pero á galega. Este pregón xunta e reúne ós que estamos aquí sempre e ós que nos veñen de fóra. Por fin hoxe estamos todos. 

Este pregón leva a forza da xuventude, destes mozos que se bican con sabor a cereixas  en augardente, cheos de paixón nas noites de luá e  mortos de amor ante as postas de sol da Nosa Terra. Vaia este pregón a todas as festas que nos axudan a descansar e desconectar,  as que alimentan o noso tempo de lecer, as que nos fan brincar e brindar coas copas, este pregón de apertas e asubios, de mans entrelazadas e de beliscos pícaros. Este pregón con sabor a ti e a min cando nos convertemos en nós. O noso pregón, o que nos une e lanza un aturuxo ás estrelas para xuntarnos cos que non están -pero están-. O noso pregón galego que leva no vento o seu cantar en honor á alegría. Vivamos logo e que empece a festa rachada!

Te puede interesar