Opinión

Actitudes irreconciliables

A semana pasada (cando isto escribo) axentes do Servicio de Protección da Natureza, Seprona, abriron dilixencias xudiciais contra tres veciños de Vimianzo (A Coruña) por teren colocado sustancias tóxicas sobre o cadáver dunha egua -supostamente atacada por lobos-, sustancias que, segundo os denunciantes, poderían ter causado graves danos á fauna da zona. 

Non sei se de maneira esaxerada, pero dende sempre se ven dicindo que o lobo é capaz de atacar a ovellas, cordeiros, cabras, becerros, burros, cabalos...; incluso a nenos e a xente maior. “Favor labradores que viene el lobo!”. Razón pola que, de vez en cando, véñense organizando batidas polo monte para escorrentar os lobos ou, mesmamente, para dar boa conta deles. Mais, a medida que pasan os anos, así vai aumentando o número de persoas que esixen protección do animal. “Por un Aragón con lobos”, reclamaba contundente un grupo de aragoneses o pasado verán. “Especie Ibérica Emblemática”; era a expresión contundente que lucían as pancartas dunha manifestación multitudinaria celebrada en Madrid en marzo de 2017. Como tería moito eco, tamén, a recente denuncia presentada pola “Asociación para la conservación y estudio del lobo ibérico” de Palencia contra un retén de incendios por exhibir, en expresión claramente festiva, a foto dun lobo que morrera atropelado por un coche. E vai dando en frase, cada vez máis aceptada: “Cuando una especie animal se extingue, repercute en el conjunto del ecosistema”.

Recollamos agora, en titulares, ós sectores que están en contra do lobo. “Los ataques del lobo generan pérdidas de 1,5 millones de euros”. “Os ataques do lobo estanse repetindo nos últimos tempos en Vilalba”. “Nuevos ataques del lobo a la cabaña ganadera”. “Danos e prexuízos causados en Galicia pola acción de animais salvaxes, especialmente dos lobos”. “O Sindicato Labrego Galego denuncia os primeiros ataques dos lobos o gando”. “La mitad de los lobos sobra”, di o deputado dun partido político. “Cos incendios morreron moitos animais dos que o lobo se alimentaba. O que fará que os lobos ataquen ós animais das granxas”. E con noticias que falan de feridos e de mortos. Como ocorrido no ano 1880 cando, en Chantada, morreron 15 persoas por hidrofobia logo de ser mordidas por lobos rabiosos. Perdendo a vida dous nenos en Vimianzo nos anos 1957 e 1959, atacados por lobos. En Rante, no ano 1974, un lobo acabou coa vida de dous nenos, sendo no ano 2010 cando en Cee un lobo feriu a un pastor. Chegados a este punto, e sabendo eu moi pouco das ruindades duns e outros animais, gustaríame saber quen leva matado máis xente ó longo da historia, se os temibles lobos ou os propios cadelos. . 

Vaia como remate un breve fragmento do que, a propósito do lobo, escribiu don Vicente Risco no seu fermoso “Libro de las horas” (1951): “El lobo tiene, en nuestra mitología y en nuestra leyenda, tanto valor como el diablo, como la bruja, como el ladrón, como el mendigo… Todos esos personajes desaparecieron de la realidad, arrollados por la gran transformación que avanza veloz sobre el mundo. Solo queda el lobo, por el momento”. 

Te puede interesar