Opinión

De beneficios e de trucos

Buscando en internet consellos para conservar/mellorar a saúde topeime cunha páxina que anunciaba no seu titular: “Los 16 grandes beneficios de llorar”. ¿Beneficios do choro? -pensei para os meus adentros. Pois, segundo os autores da páxina, as últimas investigacións científicas acaban de pór ó descuberto os beneficios que se esconden tras as nosas lágrimas. Ó chorar, descárgase un peso que nos bloquea mentalmente; elimina sentimentos que nos destrúen; evita pensamentos negativos (como poden ser a rabia, a ira, a tristeza); da acubillo a unha alegría desbordante; estimula as nosas endorfinas, etc. etc. En fin, control absoluto das nosas emocións, estado relaxante de paz. ¡Incluso evita problemas gastrointestinais!

Pena que aquela Carmen de Soutelo da miña infancia, que pasaba os días chorando (e pedindo de porta en porta) non puidese disfrutar de tanto beneficio. Nunca a pobre gozou do pracer das endorfinas e nunca en vida se viu libre de dolor. Nada soubo ela de alegrías desbordantes nin da relaxación perfecta. E de verse libre de padecementos intestinais, non sería tanto polo dos seus choros continuos senón, máis ben, por unha dieta obrigada ó non dispoñer a maioría dos días algo de comida que levar á boca. Mágoa que por aquel entón aínda non se inventaran os beneficiosos milagres que agora nos descobre o internet.

Casualmente, ese mesmo día accedín a outra páxina de internet (nada que ver coa anterior) na que Mónica Escudero, colaboradora do xornal El País na sección “El comidista”, nos dá varios trucos para finxir que somos grandes expertos na cata de viños.

“Cuando pruebas un vino -aconséllanos Mónica- haz todo el ritual de mirar a través, agitar la copa para ver la lágrima, oler, tomar un traguito y poner cara de concentración”. “Huele el tapón”. “Aprende que son los taninos”. “No chulees al sumiller”. “Di cosas en francés”. E 15 trucos máis. Con todo o respecto que me merece a periodista cos seus consellos, boto de menos na súa proposta o apartado linguaxe. E que, na valoración dun viño, recollía eu en dous artigos publicados neste mesmo xornal vai un tempo. Con frases como “Es etéreo pero potente”, “Puño de hierro, guante de terciopelo”, “Magnífica elegancia”, “Mineralidad tridimensional del granito”, Morfológico, impertérrito, finisecular”, “Zalamería sempiterna”, “De nariz muy cerrada pero pura”. E a máis subxugante de todas, metendo en danza un xogo de parella: “Camisón de novia en noche de bodas”.

Ó meu entender, se ós 20 trucos que inclúe Mónica Escudero no seu comidista lle engadise o apartado linguaxe ó que veño facendo referencia, ou moito me equivoco, ou a fusión de ambas propostas daría un resultado case perfecto.

Te puede interesar