Opinión

Tres historias

Aobra de arte non ten nada que ver co gusto. Non existe para que se lle probe” (Max Ernst). “O que hai de embriagador no gusto é o pracer aristocrático de desagradar”. (Charles Baudelaire). Frases recollidas en internet, na sección frases célebres, apartado frases célebres en el mundo del arte. O cal, aparte de servir de entrada ás historias que hoxe traio aquí, non custan nada e locen moito. E por máis que nin unha nin a outra deixen as cousas moi claras. “Sobre gustos non hai nada escrito”, “Para gustos, as cores”; sentenzas populares algo desconcertantes e que tampouco me acaban de convencer. Misión difícil, pois, a da valoración dunha obra de arte. Valoración que se ve condicionada pola calidade obxectiva da propia obra, pola fama do seu autor, polo contido da mesma, pola tradición na que se ampara, polo entorno que a rodea... 

 Vai un par de anos contoume un antigo compañeiro (residente en Bruselas, e condutor de taxi) que a grande maioría dos turistas que visitan por primeira vez aquela cidade, e antes de visitar a Gran Place (fermosísima praza), a Catedral de San Miguel, o Palacio Real ou o Atomium, entre outros lugares e monumentos, piden que os leven a unha pequena fonte onde impera, espido, un meniño de bronce ouriñando noite e día sen parar. ¿Cal a razón da súa fama? ¿Onde a súa graza? ¿Tanta a súa arte? Comentábame o amigo que a maioría dos visitantes, logo de mirar e fotografar o boneco, poñen cara de “pensei que era outra cousa”, e marchan de alí cun mal xesto. Pero a xente segue indo, cada vez en maior número.

En poucos días, a noticia acadou unha gran difusión. Foron moitos os xornais, as cadeas de televión, as emisoras de radio de toda España que informaron polo miúdo do asunto. ¡Ata o Daily Telegraph e Le Monde, entre outros, se fixeron eco do estrago! E todo, á conta do retoque que dona Cecilia G. Zueco lle fixo a un eccehomo pertencente ó Santuario de la Misericordia de Borja (Zaragoza). Imaxe que no seu día pintara don Elías G. (en copia, case exacta, dun cadro do pintor italiano Guido Reni). Desastre total que desgustou moito ós veciños de Borja. Durante uns meses, todo foron maldicións, cabreos e lamentos. “¡Qué desgracia, qué desgracia!”, clamaban os veciños. Pero lamentos que se irían disipando, pouco a pouco, en canto viron a afluencia de turistas que chegaban ó pobo preguntando polo cadro. Unha afluencia que, lonxe de decaer, se vai incrementando cada día que pasa. E agora, todos contentos. De novo, o absurdo artístico como aliciente.

Souben da noticia o día 20 de decembro. “Mañana (redacto de memoria) a las 13 horas 30 minutos, en el salón de actos del ayuntamiento coruñés, habrá presentación oficial de un cuadro de don Francisco Vázquez, y del que es autor Don….. Texto o que acompañaba unha foto do cadro. E alí estaba don Francisco, tal e como era e tal e como é. ¡Que porte, que mirada, que nobreza, que poderío! En canto á súa vestimenta, chaqueta de terciopelo, entorchados de ouro, medallas apertándose unhas ás outras, delicada banda de cerimonial, manguitos de moito prezo. Nunha man, o bastón de mando; e na outra, un fermosísimo bicornio plumado du branco relumbrador . 

E, ¿cal a reacción da xente? Segundo os comentarios publicados na prensa coruñesa os resultados non están a ser moi gratificantes para el. Paco Medallas. Retrato napoleónico. Pomposidade absurda. Virrey do economato. Representante da frivolidade. Acomplexado de ser galego. Ridícula parodia, e outros así. Eu mesmo lle escoite dicir a un individuo: “O cadro do Paco non sei moi ben o que ten, pero dame moita risa”. Pois que non se rían tanto; xa que, ó igual que nos casos anteriores, pronto verán as procesións. Aparte de que, por confundido que vaia, todas as persoas merecen un respecto.

Te puede interesar