Opinión

Miguita de pan

 

Non é a primeira vez que saco aquí o tema do pan. Valga como desculpa de tal reiteración a circunstancia de ser fillo de panadeiro. O pan, un alimento de longa historia ó que os romanos (tan avanzados eles) lle deron a consideración de alimento básico e fundamental; criterio, aquel, que se conservou ó longo do tempo. Se ben nos últimos anos están xurdir movementos en contra do consumo de pan. “Alimento de alto riesgo para todos. Sí, para todos”. din uns. “El pan, ese veneno cotidiano que está arruinando nuestra salud y que está causando tantas muertes”, tronan outros. Facendo, ambos, unha relación de enfermidades que ocasiona o consumo de pan: produce obesidade, aumenta a tensión arterial, incrementa a glucosa, desboca o colesterol... Así de contundentes. E sen ter en conta o estado de saúde de cada quen. O que ven a ser: ¡todos en risco de morte! E confundindo, a maiores, o pan chusqueiro e amañado, co pan verdadeiro. 

Pan verdadeiro que ó longo da historia xerou, tanto en lingua galega como en lingua castelá, centos de refráns e ditos encomiando a importancia do pan. E dos que deseguido inclúo unha breve mostra. “A buen amigo, dale tu pan y dale tu vino”. “Caldo sen pan no inferno o dan”. “Bien sabe lo que dice el que pan pide”. “Con pan e viño xa se anda o camiño”. “Pan de ayer y vino de antaño, mantienen al hombre sano”. “Amigo por amigo, o bon pan e o bon viño”. “Pan de trigo y de centeno, mejor en mi vientre que en el ajeno”. “Pan mucho y poco calducho”. “Abril frío e fornos quentes, alegría para os meus dentes”. “A quen queiras mal, cómelle o pan; e ó que queiras ben, tamén”. “Pan vino y carne crían buena sangre”. 

Pena que este alimento -e aí residía o verdadeiro problema- non estivese ó alcance de tódalas familias. Que non todas tiñan para comer pan. Tal o caso daquela xitana que de cando en cando aparecía pola nosa panadería, e que sempre empezaba dicindo: “Señor/a dame una miguita de pan como el corazón de una purga. ¡Anda, dame un poquito!”. Ou o da Carme de Soutelo, que pasaba o día chorando e pedindo polas portas, e que non cesaba nos seus lamentos en canto non se lle dese un pedazo de pan.

Te puede interesar